Investigadores do IDIS descobren por primeira vez o mecanismo de activación do tecido adiposo nos neonatos

Investigadores do IDIS descobren por primeira vez o mecanismo de activación do tecido adiposo nos neonatos
Investigadores do IDIS descobren por primeira vez o mecanismo de activación do tecido adiposo nos neonatos

Identifican que a proteína BMP8 podería ser un marcador válido para determinar a  posta en marcha deste tecido, fundamental para evitar a hipotermia ao nacer

Investigadores do Instituto de InvestigaciónSanitaria de Santiago (IDIS) demostran, por primeira vez no mundo, o proceso de activación do tecido adiposo pardo (graxa parda) nos nenos acabados de nacer nas súas primeiras horas de vida e identifican que a proteína BMP8 aumenta en relación directa co aumento da temperatura da graxa parda nos bebés, polo que podería implementarse como un marcador de activación neonatal deste tecido. A graxa parda ten un papel fundamental para evitar a hipotermia neonatal, que pode causar patoloxías (como o distrés respiratorio, a falla de osixenación) que poden chegar a ser ameazantes para a vida dos recentemente nados.

O traballo publicado en Nature Communications, revista de alto impacto, foi realizado por investigadores do Servizo de Neonatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago e do grupo de NeurObesidade do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), ambos adscritos ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Trátase dun estudo prospectivo de 5 anos.

A estimulación da graxa parda considérase que é unha das respostas que o bebé ten que poñer en marcha para poder adaptarse á nova situación á que se enfronta tras o nacemento. Despois do parto, o bebé deixa de estar nun ambiente térmico de 37º, que é a temperatura á que está no útero da nai, e pasa a estar exposto a unha temperatura de 26º. Neste momento, os recentemente nados teñen que ser capaces de activar mecanismos adaptativos para manter a súa temperatura corporal nun rango moi estreito de normalidade e así asegurar, non só a correcta adaptación á vida fóra do ventre materno, senón tamén, o normal funcionamento do seu corpo.

O tecido adiposo pardo, tamén coñecido como graxa parda, xa ten sido moi estudado noutras etapas da vida e sábese que é capaz de xerar calor a partir de combustibles presentes no sangue, como a glicosa e/ou os triglicéridos, pero non fora estudado ata o de agora no neonato. Esta calor xerada pola graxa parda pódese medir grazas á termografía por infrarraxos, tecnoloxía non invasiva que se utilizou neste estudo. Ademais, para comprobar a activación do tecido adiposo pardo, medíronse varias hormonas, que se sabe están producidas por este tecido. Así, outro dos principais achados desta investigación, foi o de identificar unha proteína, chamada BMP8, que aumenta en relación directa co aumento da temperatura da graxa parda e que podería constituír un marcador de activación neonatal deste tecido.

Adela Urisarri, Ismael González-García, Miguel López e María Luz Couce, son os investigadores principais deste estudo, subliñan que coñecer os mecanismos polos que un bebé é capaz de xerar calor ao nacer ten un gran interese científico.

Comentarios