O Consorcio cataloga máis de 100.000 imaxes do fotógrafo compostelán Xenaro Martínez Castro

O Consorcio cataloga máis de 100.000 imaxes do fotógrafo compostelán Xenaro Martínez Castro
O Consorcio cataloga máis de 100.000 imaxes do fotógrafo compostelán Xenaro Martínez Castro

Foi durante máis de dúas décadas testemuña da crónica cultural galega, especializado en fotografar obras de arte

O fotógrafo compostelán Xenaro Martínez Castro (1957-2007), especializado en fotografías de obras de arte, foi durante algo máis de dúas décadas testemuña da crónica cultural galega. O Consorcio de Santiago está a inventariar o seu fondo fotográfico, que posteriormente dixitalizará para promover a súa divulgación a través da páxina web.

O encargado de realizar esta tarefa é o fotógrafo Xabier Ramos, experto en dixitalización de documentos e imaxes. Explica que o traballo comezou o pasado mes de xullo e nestes intres “estamos a catalogar todo o material, vendo o seu estado de conservación, as causas da degradación dalgúns negativos e as necesidades particulares que ten cada negativo”. Indica que a colección está integrada por máis de 100.000 fotografías, que cualifica como “unha colección tremenda”, a maioría diapositivas de 35 mm e de 6x6 (medio formato) e placas de 4x5 pulgadas, cunha “calidade excepcional”.

Xenaro fotografou o encallamento do Casón, a primeira campaña electoral de Fraga, realizou instantáneas para a industria, campañas turísticas e moitos catálogos de arte

Xenaro iniciou a súa actividade profesional como fotógrafo de prensa na década de 1980. Deste período destacan as súas imaxes do encallamento do Casón no ano 1986, o seguimento da axenda socialista en Galicia, a vida parlamentaria ou a primeira campaña electoral de Manuel Fraga. En 1990 comeza a dedicarse á fotografía publicitaria, en particular á industrial e á reprodución de obras de arte para catálogos, o que representa o seu principal legado. Así, encargouse dos catálogos do Centro Galego de Arte Contemporánea -CGAC- desde a súa inauguración en 1993 ata o ano 2004. Tamén foi durante anos o fotógrafo de referencia da Bienal de Arte de Pontevedra e traballou moito para o Museo de Pontevedra. Participou en proxectos artísticos como a exposición Galicia no tempo, en diferentes campañas do Xacobeo e turísticas da Xunta de Galicia, ao tempo que inmortalizou moitas obras de teatro.

Xenaro Martínez Castro realizou ademais fotografías para a industria como as bodegas Martín Códax e Terras Gauda, Aluminios Cortizo, Gaseosas Feijoo, conserveiras… E foi un gran retratista da Catedral de Santiago e dos elementos paisaxísticos e patrimoniais do Camiño de Santiago.

Segundo Xabier Ramos, en xeral a colección está moi ben conservada. Hai moi poucos negativos que presenten lixiviación, é dicir, que co tempo as imaxes se volven xelatinosas, un problema que cómpre tratar, posto que se xeran uns gases que se contaxian ao resto do material. Estes negativos deben pois conservarse apartados dos demais.

Outro dos problemas que amosan algúns negativos é a contaminación por fungos. Nos anos 90 do pasado século adoitaban gardarse nuns sobres de papel cun lacado brillante, o que resulta atraente para os fungos, debido á humidade provocada pola falta de transpiración.

“Custa atopar fotógrafos coa resolución profesional de Xenaro Martínez Castro, cun enfoque tan exquisito. Manexaba moi ben a cámara de placas, que non dispón de ningún automatismo e só enfocar resulta unha tarefa titánica” -salienta o técnico responsable do inventariado e dixitalización do seu fondo-.

Un curioso achado

Neste proceso de inventariado, entre todo o material acháronse catro placas de vidro que non eran da autoría de Xenaro, datadas entre 1880 e 1890, posiblemente dun mesmo fotógrafo. Positiváronse e o resultado é “un material exquisito”. Xabier Ramos sinala que en tres delas aparecen tres mulleres que poderían ser irmás debido ao seu parecido, pousando dentro e fóra da súa casa, un pousado típico de finais do século XIX. A cuarta amosa a un home vestido de uniforme coa súa familia na porta da súa vivenda.

Un complexo proceso de dixitalización

Xabier Ramos apunta que a inxente cantidade de material de que se dispón alongará o proceso de dixitalización. “Esixe unha gran potencia de computación posto que en fotoquímica cando se dixitaliza a película debe escanearse a unha cantidade de píxeles moi alta”, xa que Xenaro traballaba en diapositiva, apenas ten fotografías en papel.

Comentarios
Lo más