Demandan que se acondicione a marxe da N-634 preto do acceso ao Monte do Gozo

Demandan que se acondicione a marxe da N-634 preto do acceso ao Monte do Gozo
Demandan que se acondicione a marxe da N-634 preto do acceso ao Monte do Gozo

As deficiencias na drenaxe e a falta de limpeza das gabias provocan constantes asolagamentos e o enlamado da única beiravía habilitada para o tránsito peonil nesa zona

O Grupo Municipal Popular advirte da situación na que se atopa a beiravía na estrada N-634 na súa marxe esquerda en dirección á cidade, nas proximidades do acceso ao Monte do Gozo. Trátase principalmente dun tramo duns cen metros que discorre protexido por bloques de formigón desde o final da pasarela peonil construída pola Xunta de Galicia para o acceso dos peregrinos e a costa da rúa do Gozo, aínda que as deficiencias tamén se estenden a outras zonas próximas que contribúen a incrementar os efectos adversos sobre este tramo. 

A falta de limpeza das gabias e das deficiencias de drenaxe, que se poñen de manifesto de forma periódica en xornadas chuviosas, ocasionan desbordamentos das canles e arrastre de materiais que acaban por depositarse na plataforma encaixada que foi habilitada para o paso de peóns por unha única marxe desta antiga estrada nacional, cuxo tramo entre as glorietas de San Lázaro e do aeroporto de Lavacolla é de competencia municipal desde o ano 2005 . 

Para evitar a repetición destes episodios e a mellora do tránsito peonil nesta zona, o Grupo Popular solicitará mediante unha iniciativa plenaria que se leve a cabo unha limpeza periódica das gabias, o acondicionamento da plataforma que transcorre encaixada pola marxe da N-634 e unha axeitada canalización das augas pluviais, que eviten estas acumulacións de auga, restos vexetais e terra que dificultan o tránsito de viandantes por este lugar.

Comentarios