Santiago rexistrou 60 sancións por festas este xoves, pero Bugallo destacou que "ningún incidente relevante"

Santiago rexistrou 60 sancións por festas este xoves, pero Bugallo destacou que "ningún incidente relevante"
Santiago rexistrou 60 sancións por festas este xoves, pero Bugallo destacou que "ningún incidente relevante"

Tras o arranque do curso escolar de infantil e primaria e da chegada do colectivo universitario, o alcalde de Santiago destacou "a normalidade" coa que se desenvolveu a semana na cidade.

Xosé Sánchez Bugallo quixo facer mención especial á noite do xoves ao venres, na que houbo "preto de mil mozos e mozas" polas rúas da cidade. A Policía local tramitou máis de 60 propostas de sanción e realizou varias intervencións para dispersar concentracións de persoas ás portas de varios locais de ocio nocturno, aínda que "sen incidentes relevantes". Tamén deixou claro o rexedor que houbo "un rigoroso cumprimento dos aforos por parte destes locais".

Unha vez máis, chamou á prudencia e á responsabilidade no cumprimento das medidas anti-covid, "pois o da xente nova é o colectivo coa menor porcentaxe de vacinación". Salientou que "a nosa taxa de casos activos está por debaixo de 150, que marca o límite entre o nivel medio e o alto, polo que estamos cun nivel medio consolidado, camiñando cara ao baixo". Sánchez Bugallo agarda que a tendencia se manteña e que, como consecuencia, os sectores da hostalería e o turismo "sigan funcionando con normalidade". A este respecto, cualificou os datos de ocupación hoteleira de agosto de "extraordinariamente positivos".

Sobre a ampliación do horario nocturno, Sánchez Bugallo pensa que “agravaría o problema”. “Creo que neste momento o horario nocturno está ben, e non hai garantía de que a ampliación de horarios diminúa a afluencia de persoas”. E insiste en que a hostalería está cumprindo en tema de aforos: “precisamente parte do problema que temos nas rúas e porque unha vez completado o aforo, non se permite a entrada de máis persoas. Intentaremos resolver este problema, pero non creando outro”. 

Tamén destacou que non se rexistraron incidentes destacables, a pesares do millar de persoas que podía haber nas rúas, ás portas de distintos locais nocturnos, e a pesares das 63 propostas de sanción da Policía Local: dúas por fumar sen manter a distancia de seguridade, 26 no desaloxo dunha festa nun local privado, 20 por consumo de alcol na vía pública, tres por ouriñar na vía pública, outras tres por berrar e cantar na vía pública, e nove por ruidos en pisos. 

Comentarios