BNG e CA piden transparencia e cronoloxía do sucedido co vertido no Tambre

BNG e CA piden transparencia e cronoloxía do sucedido co vertido no Tambre
BNG e CA piden transparencia e cronoloxía do sucedido co vertido no Tambre

O BNG propón que se adopte un protocolo coas medidas necesarias para frear novas filtracións coas chuvias durante as próximas semanas. Pola súa banda Xan Duro pide que Augas de Galicia, o Concello e Viaqua expliquen os pasos dados desde que se produciu a vertedura, o xoves, ata que o Goberno deu conta do acontecido, na tarde do sábado

O BNG de Santiago e de Ames, ante a grave vertedura que afecta á subministración de auga potábel desde hai varios días na comarca de Compostela, solicita “maior transparencia, control e sancións” por parte da Xunta para solucionar esta crise e evitar que poidan repetirse a contaminación aos nosos ríos, regatos e mananciais con medidas destinadas a protexer un ben básico como é a auga.

“Agardamos que a calidade de subministración procedente da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) do Tambre se normalice e non empeore coas chuvias, logo da vertedura de 200.000 m3 de puríns procedentes dunha explotación agraria, que obrigou a extremar as precaucións e mesmo a dispor de cisternas de auga para a veciñanza”, explicou Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, David Santomil, reclamou maior transparencia na comunicación da Xunta cos concellos ante unha situación de crise como a actual, ao tratarse dun ben básico fundamental, como é a auga tanto para o consumo como para labores agrarios e que se adopte un protocolo específico coas medidas necesarias para frear novas filtracións coas chuvias durante as próximas semanas, co obxectivo de que non se prolongue no tempo. Ademais, incidiu na demora en comunicar un problema de tal magnitude por parte da Xunta, cando se produciu o xoves 9 e non se fixo público até o sábado 11 de setembro.

O BNG propón que se realicen análises periódicas da auga das distintas traídas e mananciais de captación para controlar e garantir a calidade e reclama, tamén, unha avaliación dos danos causados, tanto para a veciñanza como para flora e fauna, xa que a vertedura provocou a morte de milleiros de peixes e doutras especies do río Tambre até a embocadura en Noia.

CA pide que se aclare a cronoloxía e as medidas adoptadas fronte á vertedura no río Tambre

Compostela Aberta pedirá acceso a toda a documentación relativa á vertedura de puríns no río Tambre, producida o pasado xoves e da que o Concello de Santiago non informou ata a tarde-noite do sábado. O grupo municipal de CA quere saber cando tiveron coñecemento da situación tanto Augas de Galicia como o Goberno local e Viaqua, a empresa concesionaria da auga, e que pasos se deron para evitar os maiores prexuízos á cidadanía. O concelleiro Xan Duro lamentou especialmente a actitude do Goberno, “en particular da concelleira Mila Castro, que no día de onte afirmaba que se tiña recuperado a normalidade no subministro de auga mentres a veciñanza de Santiago atopaba auga turbia, mesmo completamente marrón e con cheiro, saíndo polas súas billas”. Ademais, o edil pregúntase “se o Concello tivo nalgún momento o control da situación, ou se todas as decisións ao respecto da vertedura foron adoptadas pola empresa concesionaria”. 

Xan Duro denunciou “a opacidade que rodea a vertedura de puríns, xa no que tén que ver coa cronoloxía dos feitos”. Nesa liña, o concelleiro de Compostela Aberta puxo o acento en que “o Concello de Santiago non informou do acontecido ata as 20.00 horas do sábado, cunha nota de prensa na que se refire a medidas adoptadas desde a primeira hora do sábado”. Posteriormente, sinalou, a responsable de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou nos medios de comunicación de que a vertedura se tiña producido na noite do xoves. Para Xan Duro, “é preciso que Augas de Galicia, o Goberno local e Viaqua aclaren en que momento se produciu a vertedura, cando se tivo coñecemento dela, e que medidas foron adoptadas por cada unha das partes implicadas”. O edil aclarou que Compostela Aberta solicitará o expediente completo das actuacións adoptadas, tanto a Augas de Galicia como ao Concello. 

O concelleiro de Compostela Aberta lamentou tamén a actitude do Goberno local, “que pouco antes das tres da tarde de onte sinalaba, por boca da concelleira Mila Castro, que a situación na cidade estaba normalizada e que a auga da rede de abastecemento xa era apta para o consumo”. Para Xan Duro, “resulta lamentable que o Concello e Viaqua lancen esta mensaxe á cidadanía, que durante todo o día e noite de onte a auga saía turbia, marrón en moitos casos e mesmo con cheiro a purín como denunciaron numerosos veciños e veciñas a través das redes sociais”. Ademais, criticou que o Concello de Santiago “deixara nas mans de Viaqua desde o sábado a totalidade da información e comunicación sobre o que estaba pasando na cidade en relación á vertedura·

Comentarios
Lo más