O alcalde reivindica o potencial do sector cultural como factor de desenvolvemento económico da cidade

O alcalde reivindica o potencial do sector cultural como factor de desenvolvemento económico da cidade
O alcalde reivindica o potencial do sector cultural como factor de desenvolvemento económico da cidade

O Pazo de Raxoi acolleu a reunión final do proxecto europeo liderado polo Eixo Atlántico EPICAH, centrado na importancia da cultura como motor económico das cidades. Na súa intervención, Sánchez Bugallo sinalou que en Santiago este sector representa un 6% da actividade económica, e ten "potencial" para "experimentar un crecemento moito maior que outros sectores".

O encontro celebrouse de forma semipresencial, coa participación telemática do presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio; do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre outros integrantes do programa; e presencial do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; das expertas en Turismo, Ana Ladeiras e Ioanna Papaioannou; e do director do Diario de Pontevedra, Miguel Ángel Rodríguez. En total participaron máis de 100 asistentes, non só dos 8 territorios que integran o programa, senón tamén do conxunto da fronteira hispano-portuguesa e das cidades do Eixo Atlántico.


Na súa intervención, o Sánchez Bugallo destacou a relavancia que xogou a cultura, nas súas múltiples vertentes, na conformación e desenvolvemento da cidade: como factor de enriquecemento cultural da poboación, como polo de atracción (turística, estudantil…), dende o punto de vista patrimonial, como elemento facilitador da convivencia ou como factor de impulso económico. A este respecto, o rexedor compostelán reivindicou a potencialidade do sector cultural como motor económico da cidade: "na Unión Europea a cultura representa un 4% da actividade económica e en Santiago, un 6%, e ten un factor de crecemento moito maior que outros sectores". Fixo fincapé na necesidade de fomentar e formar a xuventude na "xestión, na organización e na promoción da cultura como actividade empresarial", pois "pode ser un factor de futuro extraordinariamente importante".

A conferencia celebrada hoxe, centrada na cultura como unha plusvalía para un novo modelo económico, constitúe o peche do proxecto iniciado en 2016 e o comezo da terceira fase, na que o Eixo Atlántico expón o desenvolvemento dun novo concepto acorde cos perfís do turismo de fronteira: o turismo de autor.

Neste contexto, o turismo de autor concíbese como unha aposta polo turismo de excelencia fronte ao turismo masivo, low cost, baseado no deseño de propostas innovadoras adaptadas ao perfil da demanda dun turismo de calidade que busca o coñecemento do territorio, da historia, da natureza propia do lugar que visitan e, complementariamente, unha gastronomía e unha enoloxía non masificada nin estandarizada na que non só conta a calidade do produto senón tamén a súa historia e a súa cultura.

Proxecto EPICAH
O proxecto EPICAH naceu hai tres anos no contexto do novo programa de Interreg Europe, que impulsa a análise dos programas da Comisión Europea; neste caso, programas de cooperación transfronteiriza, dos seus resultados e a procura de novos modelos e alternativas que permitan nos próximos programas continuar co moi positivo impacto que estes tiveron nos case 30 anos de cooperación europea.

Neste contexto, o Eixo Atlántico, líder do proxecto, expuxo unha iniciativa para o reforzo do turismo como elemento de desenvolvemento económico, centrándose, por unha banda, en conceptos innovadores que traducían realidades territoriais como é o caso do turismo de fronteira, que popularizou coa lema "Dous países, un destino". Pero tamén reforzando o turismo cultural e de natureza por ser un turismo característico nos territorios de fronteira, a diferenza do turismo estacional, para o que o proxecto tamén abordou a conveniencia da protección e o reforzo do patrimonio histórico, cultural, de natureza e enolóxico.

Todas estas propostas, resultado de dous anos de análises polos diversos territorios de Europa, xeraron tres resultados iniciais. Por unha banda, a edición dun informe; en segundo lugar, o foro con eurodeputados dos 8 territorios participantes no proxecto, representantes da área de turismo da Comisión Europea e do Comité das Rexións en 2019 en Bruxelas, no que se expuxeron todas estas cuestións para ser tomadas en consideración no próximo programa de cooperación; así como a solicitude de elevar o rango administrativo e político da área de turismo na Comisión Europea dado o impacto que ten no PIB. Como consecuencia dos bos resultados obtidos, o programa aprobou unha terceira fase do proxecto EPICAH. 

Comentarios