Reclaman un estudo do hábitat e do patrimonio da canteira de Fecha para protexelo e evitar a instalación dun vertedoiro

Reclaman un estudo do hábitat e do patrimonio da canteira de Fecha para protexelo e evitar a instalación dun vertedoiro
Reclaman un estudo do hábitat e do patrimonio da canteira de Fecha para protexelo e evitar a instalación dun vertedoiro

Goretti Sanmartín, Navia Rivas, Luis Bará, Iria Carreira e Xesús Domínguez realizaron unha visita á zona acompañados por membros dos colectivos de “A Pedra que Fala” e da asociación veciñal de Santa Cristina de Fecha

O grupo municipal do BNG defenderá no Pleno de setembro a solicitude dun estudo do hábitat e do patrimonio da contorna da antiga canteira de Fecha, coñecida como as minas da Barquiña, de cara a súa protección ante a preocupación social existente pola posíbel instalación dun vertedoiro de residuos neste emprazamento e o dano ambiental e para a saúde da veciñanza que pode causar a contaminación de acuíferos e mananciais de auga que abastecen a zona, ademais da afectación á flora, fauna e patrimonio.

Representantes do BNG como Goretti Sanmartín, Navia Rivas, Luis Bará, Iria Carreira e Xesús Domínguez visitaron a zona acompañados por membros dos colectivos de “A Pedra que Fala” e da asociación veciñal de Santa Cristina de Fecha co obxectivo de preparar iniciativas, que trasladarán tanto ao Concello de Santiago como ao Parlamento galego, para solicitar documentación sobre os proxectos previstos neste espazo que ocupa arredor de 50 hectáreas de superficie, xunto con estudos ambientais e patrimoniais de cara a frear o posíbel intento de instalar un vertedoiro.

Cómpre ter en conta que as consecuencias de instalación dun vertedoiro neste lugar, camuflado como un proxecto de restauración da canteira como aconteceu co de Miramontes-Grixoa, poden supoñer risco de contaminación das augas do río Tambre, de acuíferos para traídas e pozos veciñais, destrución de hábitats de interese, polución do aire coa emisión de gases, ruídos e inseguranza derivadas do tránsito de camións.

Nese sentido, para o BNG é fundamental que o Concello de Santiago realice análises periódicas das augas, para coñecer a situación dos mananciais e saber se son aptos para consumo e labores agrícolas.

Desde o BNG trasladóuselle tamén á veciñanza da zona o seu apoio e implicación en todas as iniciativas encamiñadas á protección do medio e en aras de garantir a calidade ambiental en Santiago de Compostela.

Comentarios