A Real Filharmonía de Galicia presenta a nova temporada 2021-2022 co lema "Viaxes"

A Real Filharmonía de Galicia presenta a nova temporada 2021-2022 co lema "Viaxes"
A Real Filharmonía de Galicia presenta a nova temporada 2021-2022 co lema "Viaxes"

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou  a nova temporada 2021-2022, na que se continuará coa celebración do seu 25º aniversario (1996-2021). Ao acto asistiron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel -vía vídeo-; a directora técnica da RFG, Sabela García; xunto ao director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

A RFG celebrará na súa sede, o Auditorio de Galicia, 24 concertos. Baixo o lema Viaxes, levaranos coa súa música a "percorrer a xeografía mundial, desde Australia a Finlandia pasando por París, Hamburgo, Praga, Bohemia ou cruzando o océano ata Latinoamérica; emprendendo con esta programación un camiño emocional que nos permite transitar a través da rebeldía, da fantasía, do feminismo, do amor, da ecoloxía e, sobre todo, cara a nós mesmos". Porque "no último ano e medio, viaxar libremente, física e mentalmente, foi realmente complicado. Por iso, a Real Filharmonía, retransmitiu en liña todos os concertos". Agora preséntase un "programa feminino, diverso e contemporáneo", que conta coa colaboración do Xacobeo 2021-2022, a Deputación da Coruña e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.


A temporada arrancará o 7 de outubro con Paul Daniel á batuta. Será a estrea do ballet Hildegart do compositor galego Juan Durán, baseado na historia da ferrolá Hildegart Rodríguez Carballeira, a extraordinaria muller que apenas alcanzou a idade adulta antes da súa tráxica morte.

No marco do Festival Cineuropa, a orquestra porá a banda sonora ao filme mudo O peregrino (1923) de Charles Chaplin, coa música de Chaplin restaurada polo mestre Timothy Brock, que ademais dirixirá o concerto.

Creación dunha ópera en galego
En coprodución coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego, a RFG ofrecerá a estrea mundial de A sombra de cristal, unha ópera cómica en galego de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, escrita por encargo da Real Filharmonía de Galicia. Serán dous concertos, os días 9 e 10 de decembro no Auditorio de Galicia, nos que se contarán coas voces da soprano María Hinojosa e do barítono César San Martín.

Tamén en colaboración con Amigos da Ópera, no Nadal realizaranse dous concertos en Santiago e Lugo cun programa lírico xunto ao contratenor galego Christian Gil Borrelli. Ao longo da temporada acompañarán á orquestra outras grandes voces como a mezzosoprano Sarah Connolly e as sopranos Francesca Aspromonte e Camila Titinger.

Encargos en apoio dos novos compositores galegos e estreas
Durante a temporada a RFG realizará varias estreas, mantendo así o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, en colaboración co Xacobeo 2021-2022. Ademais da obra de Juan Durán e da ópera de Fernando Buide, presentarase por primeira vez ante o público o primeiro movemento (Māyā) da triloxía Sattva do tamén galego Octavio Vázquez, composta por encargo da RFG. Así mesmo, terá lugar a estrea de Nightfal do trompetista Esteban Batallán. Por outra parte, o compositor Joam Trillo completou o seu arranxo para a RFG da Sétima Sinfonía de Mahler, cuxa estrea será en febreiro. E, por primeira vez en España, soarán obras das compositoras Dora Pejačević e Dobrinka Tabakova.

En colaboración co Xacobeo 2021-2022, a Real Filharmonía de Galicia vai presentar en novembro un CD de música galega contemporánea.

Mulleres directoras e solistas de renome nacional e internacional
O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, realizará un total de 9 programas esta temporada. Á fronte da orquestra poranse ademais varias mulleres: Joana Carneiro -principal directora convidada da RFG-, Simone Menezes, Corinna Niemeyer, Jessica Cottis e Delyana Lazarova. Será tamén o debut coa orquestra dos mestres Marc-Leroy Calatayud e Roberto Forés-Veses; e regresarán Enrico Onofri, Timothy Brock e Manuel Hernández-Silva.

Entre os solistas convidados destacan figuras como os pianistas Lars Vogt, Javier Perianes, Josu de Solaun e Gabriela Montero; o violoncellista Nicolas Altstaedt, o violinista Robert Lakatos, o trompetista Esteban Batallán, o bandeonista Claudio Constantini, o percusionista Martin Grubinger e o saxofonista Xabier Casal.

Concertos didácticos e familiares
Durante a temporada programaranse 2 proxectos didácticos. Trátase de Unha aventura..., dous concertos para escolares e un para o público familiar a finais de xaneiro co mestre galego Pablo Devigo; e O grande Beethoven, un encargo da RFG ao Serviço Educativo da Casa da Música de Porto polo 250 aniversario do nacemento do xenial compositor, con dous concertos en febreiro.

Esta temporada retomaranse os CONvers@ndo con, unha cita previa aos concertos, que pretende un achegamento entre os directores e solistas e o público.

A música da RFG nas cidades galegas
Seguindo co compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa vertebración musical do territorio, a orquestra "viaxará" coa súa música por toda Galicia, con 15 concertos: 7 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Lugo, 1 en Ourense e 1 en Pontevedra. Faranse en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Vigo, Ferrol, Lugo e Pontevedra; Afundación e a Deputación de Ourense.

Os abonos serán trimestrais
Debido á situación sanitaria, as condicións dos abonos da temporada da RFG deben adaptarse para cumprir coas medidas de seguridade esixidas. Así, os abonos serán trimestrais. As persoas abonadas recibirán as localidades co número de fila e butaca, que será o mesmo durante todo o período de abono. A tarxeta de abonado/a conterá as entradas para todo o período de abono mercado. Poderase reutilizar a tarxeta de temporadas pasadas.

Entre o día 20 e 24 de setembro, o Auditorio de Galicia contactará con cada abonado/a para ver a súa dispoñiblidade para renovar o abono. Unha vez asignadas as butacas seguindo os protocolos de seguridade, o Auditorio de Galicia fixará unha cita previa a cada abonado/a para formalizar o pago e recoller a información. En función da capacidade, unha vez renovados os abonos persoais, o Auditorio de Galicia poderá abrir unha quenda de venda de novos abonos.

Venda de entradas
As entradas deberán adquirirse preferentemente en www.compostelacultura.gal. Tamén se poderán mercar na Zona C - Punto de información cultural (Preguntoiro), de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h e domingos de 11.00 a 14.00 h. Os días do concerto poderán mercarse no despacho de billetes do Auditorio de Galicia ou no teléfono 981 571 026, de 19.00 a 20.30 h. 
Comentarios
Lo más