Pacientes do CHUS denuncian máis de 24 horas de espera por unha cama para ingresar

Pacientes do CHUS denuncian máis de 24 horas de espera por unha cama para ingresar
Pacientes do CHUS denuncian máis de 24 horas de espera por unha cama para ingresar

Despois dos últimos meses sen incidentes no servizo de urxencias do CHUS, o día 14 de setembro, pacientes ingresados no servizo puxéronse en contacto coa Asociación de Pacientse do CHUS para denunciar que levaban máis de 24 horas agardando para ocupar unha cama en planta.

Así aconteceu coa paciente M.C.L.C., que o pasado día 13 de setembro foi atendida no servizo por un traumatismo no xeonllo e que, desde ese día, no que foi asinado o ingreso en planta polo facultativo, estivo agardando ata o día 15 ás 14:50 horas, cando que foi trasladada a unha cama do Hospital de Conxo. 

En total, permaneceu nunha padiola dun cubículo de urxencias máis de 30 horas, soportando a carencia das atencións e os servizos básicos dunha cama hospitalaria para unha paciente diagnosticada ou que precisa probas complementarias e ocupando un espazo necesario para pacientes colocados nos corredores de acceso. A razón desta demora, segundo lle indicaron a supervisora e o coordinador do servizo, está motivada pola falta de camas ao ocupar medicina interna camas de traumatoloxía.


"O feito de que unha paciente, como é o caso de M.C.L.C., permanece 30 horas agardando por unha cama, é un signo inequívoco dunha mala calidade do servizo, produto da incorrecta xestión da demanda asistencial debida á torpe, intolerable e antisocial persistencia de manter camas pechadas a pesar de que iso vai en detrimento das condicións de atención e da capacidade de curación dos pacientes", apuntan dende a Asociación.


O día 15, ás 15:30 horas, 27 pacientes permanecían nos cubículos con orde de ingreso asinada, agardando para ocupar unha cama en planta, algún deles desde o día 14, ás 9 da mañá. Mentres o servizo estaba totalmente cheo pola carencia de camas hospitalarias operativas, 6 pacientes clasificados graves eran colocados novamente no corredor de acceso en espera de ser atendidos, padecendo unha vulneración do dereito á intimidade e á dignidade persoal, como así o indica a recomendación da Valedora do Pobo de data 13 de novembro de 2020, na que insta ao SERGAS e á xerencia do CHUS a adoptar as medidas necesarias para que esta situación non se volva producir.




Comentarios
Lo más