Lousame inviste máis de 40.000 euros na mellora do interior e dos vestiarios do pavillón municipal da Silva

Lousame inviste máis de 40.000 euros na mellora do interior e dos vestiarios do pavillón municipal da Silva
Lousame inviste máis de 40.000 euros na mellora do interior e dos vestiarios do pavillón municipal da Silva

O Concello de Lousame está a investir 41.168,70 euros de fondos propios en traballos de reparación, mantemento e mellora do interior e dos vestiarios do pavillón municipal da Silva.

 “O obxectivo destas obras é mellorar o estado actual do edificio do pavillón municipal, incluído o volume de vestiarios, que presenta oxidación dalgúns elementos e desgaste da pintura”, explica a alcaldesa, Teresa Villaverde, quen apunta que “a maiores aproveitaremos para colocar butacas nas gradas e instalar un cortaventos na entrada, para manter unha mellor temperatura no interior da instalación”.


As obras comezaron neste días coa desmontaxe dos elementos de sinalización (carteis, letreiros...), a limpeza manual da fachada e do chan e a retirada de elementos oxidados, sobre todo nos vestiarios (nas columnas das duchas, nas barras de suxeición do baño adaptado e, en xeral, dos elementos metálicos dos vestiarios). Acto seguido procedeuse a instalar un cortaventos no portal de acceso á instalación, que evitará o arrefriamento do interior do pavillón, e colocáronse os asentos nas gradas do polideportivo, fixados ao soporte.


Próximas actuacións


Nos próximos días procederase a revestir o interior da instalación cun taboleiro de fibras de madeira de pino, despois de que durante esta semana se aplicaran previamente dúas mans de esmalte de poliuretano e outras dúas de pintura plástica de cor branco. Así mesmo, procederase a cambiar as portas de acceso ao polideportivo por unha nova porta metálica cortalumes de maior espesor e que garantirá un mellor illamento térmico e acústico da instalación. Unha actuación que se completará co cambio de varias portas interiores.


Finalmente, procederase a substituír as columnas de ducha dos vestiarios por outras con temporizador axustable entre 20 e 35 segundos, así como colocar unha nova barra de suxección para o baño adaptado para persoas con dificultades de mobilidade. As obras teñen un prazo de execución de 3 meses, se ben se agarda que poidan estar rematadas nas próximas semanas.

Estas obras complementas as realizadas polo Concello de Lousame no ano 2019, cando investiu algo máis de 92.000 euros na mellora do illamento térmico e acústico do polideportivo municipal, que incluíron o cambio da cuberta por outra de paneis sándwich illantes, a colocación de novos canalóns e a aplicación dun tratamento anticorrosivo á estrutura metálica da instalacións.

Comentarios
Lo más