Demandan actuacións de urxencia na zona educativa de Lamas de Abade

Demandan actuacións de urxencia na zona educativa de Lamas de Abade
Demandan actuacións de urxencia na zona educativa de Lamas de Abade

O deterioro dos accesos, o abandono da finca municipal do viveiro, a demora na mellora da vialidade peonil e a ausencia dun plan de mobilidade continúan a ser materias pendentes do Goberno de Bugallo

O Grupo Municipal Popular advirte do constante deterioro da zona de Lamas de Abade ante a demora na adopción de medidas para mellorar a accesibilidade de peóns e vehículos e para reducir os impactos ambientais ocasionados pola falta de actuacións de ornato e limpeza na propiedade municipal que, a un lado e outro da rúa Divina Pastora, conforman as edificacións e a finca nas que se asente o viveiro municipal. 

A mellora dos accesos e a redacción dun Plan de Mobilidade específico para esta zona educativa foi reiterada en diversas ocasións pola totalidade dos grupos municipais presentes na Corporación xa desde o mandato pasado, ao igual que a ordenación, rehabilitación, posta en valor e uso público da finca e edificacións onde se asenta o viveiro municipal, proposta xa en 2017 polo Grupo Popular. 

No actual mandato, o Goberno local comprometeuse hai un ano a redactar o Plan de Mobilidade e a executar unhas obras para mellorar a accesibilidade peonil, medidas que aínda non foron concretadas. Con todo, queda por afrontar tamén a mellora do firme das rúas da zona e limpeza e rehabilitación da finca do viveiro, esta última tamén comprometida polo Goberno actual a finais do pasado ano. 

Mentres se demoran as actuacións municipais demandadas e comprometidas, continúan a incrementarse as evidencias do deterioro do firme, as dificultades para o tránsito e o abandono dos labores de conservación e rehabilitación, chegando ao punto de que no tellado da capela da Divina Pastora -que lle dá nome á rúa que discorre diante da súa fachada e que se integra na finca do viveiro municipal- medra vizoso un piñeiro, mentres a maleza e os arbustos ocultan a porta principal, o que da fe do desleixo do Goberno e ofrece un pernicioso exemplo nun ámbito dedicado á formación.

Comentarios
Lo más