Gran participación na terceira edición da Feira da Carballeira de Brión

Gran participación na terceira edición da Feira da Carballeira de Brión
Gran participación na terceira edición da Feira da Carballeira de Brión

Gran participación de veciños e veciñas de Brión, así como chegados de municipios veciños, na terceira edición da Feira da Carballeira, que ten lugar este sábado 18 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, na carballeira de Santa Minia.

 O tempo acompañou e, salvo un pequeno susto xusto antes de comezar, o sol animou a moita xente a achegarse ata a carballeira, entre os que se atopaba o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, quen aproveitou para facer algunhas compras.

Organizada polo Concello de Brión e a asociación Daquí Darredor, conta coa participación dunha vintena de postos de produtos de horta, artesanía, segunda man, doces e empanadas, conservas, zumes, ungüentos, amigurumi... e mesmo un posto solidario coa campaña “Tu ayuda = Mi Ilusión”, que busca recadar fondos para que o neno Matías Rei pois realizar un tratamento intensivo en Nipace Guadalajara o vindeiro mes de outubro.

Ás 11:00 horas, coincidindo coa apertura da Feira, tomaron a saída as 40 persoas inscritas na andaina teatralizada “Déixate levar.. á Batalla de Altamira”, organizada pola asociación Déixate Levar e que tiña un percorrido de 12 quilómetros. Durante a mañá, na carballeira de Santa Minia tivo lugar un obradoiro de elaboración de xabóns tradicionais (12:30 horas) e unha cata de produtos de temporada (13:30 horas). Moitos dos asistentes están aproveitando tamén para xantar na polbeira que participa todos os martes na Feira de Brión e que non quixo faltar á cita de hoxe.

Para esta tarde están programadas unha sesión de contacontos e outra de cociña ao vivo. A Feira da Carballeira pecharase cunha foliada, se ben algún dos grupos participantes xa estivo tamén animando a feira durante esta mañá. 

Comentarios
Lo más