Este venres concerto da Real Filharmonía co grupo africano Trio da Kali

Este venres concerto da Real Filharmonía co grupo africano Trio da Kali
Este venres concerto da Real Filharmonía co grupo africano Trio da Kali


Trátase dunha coprodución de maré 21 coa radiotelevisión norueguesa e o festival Oslo World.


A agrupación de música de MalÍ, Trio Da Kali, reunirase coa Real Filharmonía de Galicia nunha asombrosa colaboración inédita, que terá lugar o venres24 de setembro, ás 21 h no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, dentro da programación de maré 21, unha das estreas mundiais programadas polo festival. Así o explicou o promotor de maré 21, Vítor Belho, no acto de presentación deste evento único, acompañado do Trio da Kali e o director da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel, a quen Belho agradeceu que aceptara o reto de abordar uns arranxos inéditos en pouco tempo.


 

No seu encontro coa Real Filharmonía de Galicia, Trio da Kali interpretarán a música da súa colaboración de éxito co prestixioso cuarteto de corda Kronos Quartet, publicada en 2017 baixo o título Ladilikan. O director da RFG, Paul Daniel, afirmou que «traer estas dúas músicas clásicas e unilas é unha oportunidade fantástica. Non me gustan as orquestras pechadas, temos que abrirnos a novos mundos, ensaiar cousas novas». Daniel adiantou que no escenario haberá unha trintena de músicos, entre cordas, flautas, clarinetes e fagots, que acompañarán o Trio da Kali para facer brillar a súa música de tradición secular. «Estamos aquí para acompañar e aprender nova música clásica», dixo Daniel.

 

Neste sentido, o virtuoso do balafón e director musical do grupo, Lassana Diabate, explicou que as súas cancións veñen dos S. XII e XIII, que se foron transmitindo de forma oral sen chegar nunca a ser escritas. «A nosa misión é continuar con esta tradición, que estaba en vías de desaparición, con toques propios e arranxos modernos que fomos incorporando».

Comentarios
Lo más