Propoñen realizar un informe para esclarecer e tratar de recuperar o importe dos recibos da luz da Catedral pagados polo Concello

Propoñen realizar un informe para esclarecer e tratar de recuperar o importe dos recibos da luz da Catedral pagados polo Concello
Propoñen realizar un informe para esclarecer e tratar de recuperar o importe dos recibos da luz da Catedral pagados polo Concello

Goretti Sanmartín solicitou unha Xunta de portavoces para que o alcalde informe sobre o pagamento irregular por parte da Administración local do gasto da enerxía eléctrica da Catedral de Santiago

O BNG trasladará ao Pleno unha moción para esclarecer e tratar de recuperar o importe dos recibos da luz que o Concello pagou á Catedral de Santiago. Deste xeito, segundo anunciou Goretti Sanmartín, o BNG proporá realizar un informe que determine as cantidades e mensualidades abonadas, coa data en que se comezou e deixou de pagar, xunto co destino da subministración (ornamental, de uso cotiá e/ou interior) que fará público en aras da transparencia da Administración municipal.

“Ademais, proporemos que o Concello solicite, após os correspondentes informes xurídicos, a recuperación total ou parcial do importe, tendo en conta as posibilidades legais, e clarificará a situación de todos os impostos municipais que correspondan a bens propiedade da Igrexa”, explicou Goretti Sanmartín.

De acordo coa información e documentación publicada por elDiario.es, en 2012, un enxeñeiro técnico municipal elaborou un informe en que plasmou o resultado das súas investigacións sobre o pagamento de recibos de electricidade á Catedral de Santiago, co fin de reclamar que se investigase se eses pagos poderían proceder dalgún convenio subscrito que puidese ser revisábel ou actualizado para poder reducir a parte que achegaba o Concello por este consumo.

Nese documento explica que a Catedral conta con tres subministracións eléctricas: unha para a luz que decora o exterior do templo durante a noite (que paga o Concello de Santiago), outra denominada de "uso diario" e que abona o arcebispado e unha terceira para a iluminación interior, cun pago tamén asumido pola Administración municipal. Así, tan só no período analizado entre 2009 e o primeiro trimestre de 2012, o Concello de Santiago asumiu o pagamento de 20.430 euros en 2009, 67.070 euros en 2010, 53.699 euros en 2011 e 13.322 euros até o 15 de marzo de 2012.

No mesmo informe apunta que este pagamento de recibos puido realizarse desde 1968 e que cando se realizou unha nova instalación en 1999 con iluminación moderna, lámpadas e equipos de alta eficacia, que levan aparellado un incremento da potencia instalada e dos niveis de iluminación, isto supuxo tamén unha suba moi importante do consumo de enerxía eléctrica, mentres se mantivo o abono da electricidade tal como estaba a nome do Concello e sen nin sequera informalo dos cambios realizados.

O Goberno local, na etapa de Compostela Aberta, tal e como se coñeceu tamén estes días por declaracións públicas desta formación, detectou estes pagamentos en 2016 e procedeu a darlle un período de cortesía, que se prolongou até 2018, ano en que supostamente a Catedral se desconectou da rede pública de iluminación, un feito que cómpre corroborar.

Cando o grupo municipal do BNG tivo coñecemento destes feitos e deste informe, a través do publicado por elDiario.es, solicitou unha reunión urxente da Xunta de Portavoces “para que o alcalde informe aos grupos da oposición sobre o pagamento irregular por parte da Administración local do gasto da enerxía eléctrica da Catedral de Santiago e porque a Administración municipal debe ser transparente e non hai xustificación ningunha para ocultar o destino do diñeiro público, propiedade de composteláns e compostelás”.

Comentarios
Lo más