A Fundación Barrié e a USC promoven un estudio sobre a adición ao xogo d os xóvenes galegos

A Fundación Barrié e a USC promoven un estudio sobre a adición ao xogo d os xóvenes galegos
A Fundación Barrié e a USC promoven un estudio sobre a adición ao xogo d os xóvenes galegos

O convenio asinado  permitirá obter un mellor coñecemento desta incipiente problemática e identificar as claves para poñer en marcha as accións preventivas adecuadas

A USC e a Fundación Barrié desenvolverán o estudo ‘Videoxogos, apostas e adicións sen substancia entre mozos e adolescentes galegos: análise da situación actual e claves para a prevención’ coa finalidade de obter un mellor coñecemento desta incipiente problemática e identificar as claves para poñer en marcha as accións preventivas adecuadas e adaptadas á realidade existente. O traballo realizarase de outubro de 2021 a marzo de 2022 entre 10.000 persoas con idades comprendidas entre os 12 e 20 anos que estean cursando estudos de ESO, FP ou Bacharelato en centros públicos, privados ou concertados da comunidade galega. Este é o traballo empírico de maior envergadura realizado en Galicia ata a actualidade sobre este tema. O estudo estará liderado polo profesor na Facultade de Psicoloxía da USC, Antonio Rial, director técnico da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (USC-PSICOM, grupo de referencia en España tanto na investigación no ámbito da adolescencia como na avaliación e xestión sociosanitaria).

A colaboración entre a USC e a Fundación Barrié para o desenvolvemento deste proxecto quedou formalizada este martes nun convenio de colaboración asinado entre o reitor Antonio López e o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera, e no que tamén estivo presente o responsable científico do estudo, o profesor da área de Metodoloxía das Ciencias da Comportamento Antonio Rial. O estudo persegue coñecer e describir con detalle o uso que adolescentes galegos fan de internet, os videoxogos e os xogos de aposta, así como entender a súa motivación, incorporando un enfoque cualitativo a través da colaboración en grupos de discusión. Como se explicou na presentación, a finalidade é deseñar estratexias de prevención baseadas na evidencia empírica e dende unha perspectiva construtiva e comunitaria que implique tamén ás familias, ao sector empresarial e ás institucións.

"Na Universidade de Santiago de Compostela estamos concienciados da importancia de analizar e previr calquera tipo de práctica que poida derivar en adicción entre a xuventude”, sinalou o reitor Antonio López na presentación deste estudo. Como engadiu “no eido dixital están a conformarse escenarios onde se dan as condicións potencialmente idóneas para que as apostas ou xogos en liña poidan supor un problema para a nosa mocidade. O feito de demostrar habilidades, competir e chegar a sentirse gañadores pode supor que unha práctica habitual se converta nunha adicción polo que é importante observar, de xeito constante, analizar, detectar perigos, sinalalos e traballar cos colectivos potencialmente máis expostos".

Pola súa banda, José María Arias, presidente da Fundación Barrié, sinalou que “a articulación dunha resposta eficaz e integral ao problema debe vir precedida por un coñecemento obxectivo e preciso da realidade social, que tan só se pode alcanzar mediante a obtención de datos fiables da prevalencia do problema e a identificación das variables que están na súa base, os contextos, as motivacións, así como os perfiles e actores sociais.”

Antonio Rial aclarou que a investigación a desenvolver parte da idea de que os videoxogos son a día de hoxe unha canle destacada de ocio e entretemento de boa parte das persoas en idade adolescente galegas e españois. Trátase de achegar datos que axuden a mobilizar as institucións, comezando polas propias familias, para velar polo seu uso saudable e responsable. “O xogo constitúe, sen lugar a dúbidas, unha das ferramentas máis potentes de aprendizaxe e desenvolvemento persoal das que dispón o ser humano. Pero non é menos certo que un uso intensivo de determinado tipo de videoxogos, a determinadas idades, con determinados contidos e sen a debida supervisión parental, pode ter serias implicacións tanto a nivel de saúde, como de convivencia”. No caso do xogo e as apostas en liña Antonio Rial reclama un papel activo e valente por parte da Administración na protección dos menores e un maior compromiso coa prevención.

Comentarios
Lo más