USC inicia traballos para localizar e exhumar desaparecidos na Guerra Civil

USC inicia traballos para localizar e exhumar desaparecidos na Guerra Civil
USC inicia traballos para localizar e exhumar desaparecidos na Guerra Civil

O Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto centrarase nas vítimas da contenda, así como da represión política posterior

A localización, exhumación e identificación de vítimas durante a Guerra Civil, así como na represión política posterior é un dos obxectivos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia que baixo a coordinación do grupo da USC Histagra, acometerá tamén, ata 2024, a  dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC. Pódese contactar con Histagra no mail  histagra@usc.es ou no teléfono 881 812 734.

Este Plan xorde como froito do convenio de colaboración asinado pola institución compostelá, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo; e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. “Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra. Alén da coordinación de Fernández Prieto, integran o equipo o arqueólogo e profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo; o catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo, quen se encargará da análise xenética; e o médico forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), Fernando Serrulla Rech, encargado da investigación forense dos restos humanos.

De xeito específico, neste 2021, está prevista a realización da exhumación e identificación da fosa no concello de Crecente, provincia de Pontevedra. No caso de que esta exhumación ofrecese problemas na súa realización, prevese intervir en Vilagarcía de Arousa. Asemade, levarase a cabo traballo de investigación e análise de restos no concello coruñés de Aranga .

‘Nomes e Voces’

O Grupo Histagra alberga unha fonda experiencia neste eido logo de levar a cabo o proxecto de investigación ‘Nomes e Voces’, ao abeiro dos traballos que se realizaron ao redor do Ano da Memoria en 2006 e que estivo en funcionamento ata 2012. Neste proxecto estudouse a violencia franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecéronse á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abordouse dende a perspectiva da investigación histórica, como parte do interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da represión.

Comentarios
Lo más