Aberto o prazo para solicitar os bonos "Corazón Compostela"

Aberto o prazo para solicitar os bonos "Corazón Compostela"
Aberto o prazo para solicitar os bonos "Corazón Compostela"

Este venres, 24 de setembro, ábrese o prazo para que os consumidores/as poidan solicitar os bonos Corazón Compostela, unha iniciativa do Concello de Santiago que ten por obxectivo incentivar a actividade económica mediante o cofinanciamento de bonos para o consumo no comercio e na hostalería local. En total, poranse en circulación 20.000 bonos de 75 euros, 45 achegados pola persoa solicitante (o 60%) e 30, polo Concello (o 40%). Terán validez ata o 10 de decembro. Cada cliente poderá solicitar un único bono. O seu importe irase consumindo nas compras en bens e servizos nos establecementos adheridos ao programa, ata o esgotamento do saldo.

Sobre o procedemento para solicitalos informaron  o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte; Jorge Blanco, responsable de operacións de medios de pago de Abanca; e Lucía Castro, técnica responsable da área de Comercio. Na rolda de prensa estiveron acompañados por Álvaro Rodríguez, responsable de Relacións institucionais de Abanca.


O alcalde destacou que desde o pasado 17 de setembro, cando comezou o plazo de adhesión para comercios e locais de hostalería, xa se inscribiron 142 establecementos. Lembrou que o prazo para sumarse o programa non se pecha, e que "queremos ter, polo menos, 400 ou 500 establecementos adheridos".

Jorge Blanco explicou que a través deste programa, que ten como obxectivo favorecer o comercio local, Abanca pon a disposición de usuarios e comerciantes, e do propio Concello de Santiago, unha ferramenta, moi sinxela e cómoda, que brinda aos usuarios a posiblidade de interactuar, cunha experiencia 100% dixital".

O proceso é o seguinte: a persoa interesada conéctase á web de bonos Corazón Compostela, e identíficase cuns datos básicos. Báixase o bono, engadiu, "e xa está en disposición de utilizalo en calquera dos comercios adheridos á iniciativa".

A continuación, Lucía Castro indicou que cando unha persoa "comeza o rexistro ábrese unha pasarela de pago, na que aboa a aportación propia". O bono que descarga xa ten o valor de 75 euros. Sinalou que "dentro da campaña de comunicación, vai haber un concurso adicional; un boleto de rasca e gaña, que se entrega nos establecementos". Hai 50 premios de 100 euros. "Cando alguén resulta premiado ten que porse en contacto co departamento de comercio e xa se xestiona desde alí o premio", engadiu.

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, sinalou que "os bonos chegan nun momento axeitado", no que "baixa a o nivel de actividade na hostalería e na restauración". Recordou que se poden gastar en varias achegas e animou ao sector hostaleiro a sumarse á campaña, ao haber menos inscricións que de comercio, porque "van ser, directamente, os beneficiarios".

A través do programa bonos Corazón Compostela mobilízanse 1,5 millóns de euros, dos que o Concello de Santiago achega 600.000.

Procedemento de solicitude
COMO SOLICITAR O BONO CORAZÓN COMPOSTELA?

As persoas interesadas teñen que entrar na web www.bonoscorazoncompostela.gal e rexistrarse indicando os seus datos.

Unha vez validada a solicitude e verificada a achega do cofinanciamento, poderán descargar o seu bono en formato dixital a través dun código QR.

Se prefiren solicitalo de maneira presencial, deberán pedir unha cita previa a través do enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal.

QUEN PODE OBTER OS BONOS CORAZON COMPOSTELA?

Calquera persoa pode beneficiarse do programa. O único requisito é ser maior de idade.

CANDO SE PODE EMPREGAR O BONO?

Hai de prazo ata o 10 de decembro de 2021. Nese momento o bono caduca e perderase o saldo remanente que non se consumise.

COMO TROCO O BONO CORAZÓN COMPOSTELA?

No momento de pagar, as persoas usuarias deben presentar o seu bono Corazón Compostela a través da aplicación móbil do programa. O importe de cada compra ou servizo adquirido irase descontando do saldo inicial de 75 euros. Poden esgotalo nun só acto de consumo ou en varios, no mesmo ou en diferentes establecementos adheridos.

ONDE SE PODE MERCAR CO BONO?

A listaxe de establecementos comerciais e de hostalería adheridos ao programa será publicada na web www.bonoscorazoncompostela.gal,
co seu nome e localización.

Así mesmo, todos lucirán carteis e adhesivos para indicar que alí se pode trocar o bono.

QUE OCORRE CANDO SE DEVOLVE O PRODUTO QUE SE MERCOU?

Nese caso, pódese aplicar o importe do bono a outra compra de prezo igual ou superior ou trocalo por un vale sen caducidade. 

Comentarios
Lo más