Unha exposición fotográfica para promocionar os Camiños de Auga recibe aos peregrinos no Pino

Unha exposición fotográfica para promocionar os Camiños de Auga recibe aos peregrinos no Pino
Unha exposición fotográfica para promocionar os Camiños de Auga recibe aos peregrinos no Pino

Trátase dunha mostra ao aire libre e de gran formato que Manuel Taboada e o fotógrafo Adolfo Enríquez inauguraron esta mañá no Camiño Francés

Trinta fotografías de gran formato percorrerán nas vindeiras semanas distintas localizacións para promocionar os recursos turísticos dos nove concellos que aglutina o GDR Ulla Tambre Mandeo coa idea de que os espectadores se animen a coñecelos. As espectaculares imaxes, montadas en paneis ao aire libre, poderán velas os centos de de persoas que en peregrinaxe percorren o Camiño Francés ao seu paso polo Pino. Manuel Taboada, presidente do GDR, e o fotógrafo Adolfo Enríquez, autor da maioría das imaxes, inauguraron o mércores 22 de setembro a mostra na área de descanso de Lenguelle, en Ferreiros.

Imaxes da lagoa e o mosteiro de Sobrado, do encoro de Portodemouros, de rutas fluviais a carón do Ulla, áreas recreativas, igrexas románicas, elementos etnográficos como o Batán de Mezonzo en Vilasantar ou gastronomía atraen a mirada dos peregrinos dende paneis dun metro de alto por metro e medio de ancho para dar conta dos moitos atractivos que os concellos de Arzúa, Melide, Boimorto, O Pino, Toques, Touro, Santiso, Sobrado dos Monxes e Vilasantar poden ofrecerlles aos visitantes. Acompaña as fotografías un breve texto informativo para situar e contextualizar os recursos.

Adolfo Enríquez, recoñecido fotógrafo autor de numerosas exposicións e antoloxías turísticas de Galicia, asina a maioría das fotos que compoñen a exposición. Completan a escolma imaxes de Rodrigo Vázquez e a empresa compostelá de comunicación Alicentis.

As fotografías poderán verse no Pino ata o próximo día 1 de outubro. Despois desprazaranse ao Camiño Norte no concello de Sobrado dos Monxes.

A exposición enmárcase nunha intensa campaña de promoción turística financiada pola Deputación da Coruña e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, a través do Programa Leader que está levando a cabo o GDR Ulla Tambre Mandeo. Esta inciiativa comprende tamén unha serie de rutas guiadas para coñecer a flora e a fauna en espazos emblemáticos. As rutas culminarán os días 8 e 9 de outubro, cun maratón de observación ornitolóxica, de 24 horas de duración, no entorno da lagoa de Sobrado de Monxes, o río Ulla e na Serra do Careón.

Comentarios
Lo más