CA pide que se investiguen as cargas policiais rexistradas na noite do xoves

CA  pide que se investiguen as cargas policiais rexistradas na  noite do xoves
CA pide que se investiguen as cargas policiais rexistradas na noite do xoves

O grupo municipal de CA fai unha chamada á responsabilidade dos mozos e mozas e rexeita calquera criminalización deste colectivo

Compostela Aberta pide que se investigue o acontecido na noite do xoves á saída da discoteca Ruta, onde se rexistraron cargas policiais á mocidade alí congregada. A portavoz municipal, Marta Lois, fixo unha chamada á responsabilidade dos mozos e mozas, pero incidiu en que “é preciso aclarar se a actuación das forzas de seguridade foi acaída, porque as imaxes que puidemos ver nas redes sociais deixan serias dúbidas ao respecto”.

Marta Lois mostrou a súa preocupación polo acontecido onte, e apelou á responsabilidade da mocidade “para que actúe de acordo coa situación pandémica na que nos atopamos, unha chamada á responsabilidade que non pode significar criminalizar ao estudantado, como algúns quixeron facer xa a principios do pasado curso”. A portavoz de CA pediu que se aclare o acontencido, “porque cargas policiais como a que vimos onte só poden rexistrarse ante feitos de moita gravidade”. Nesa liña, Lois sinalou que “algunhas das imaxes de violencia policial difundidas polas redes sociais mostran como as Unidades de Intervención cargaron contra mozos e mozas que estaban en pequenos grupos, provocando contusións e feridas sangrantes na cabeza a algúns rapaces e rapazas”.

A portavoz de Compostela Aberta tamén lamentou a actitude do concelleiro de Seguridade, Gonzalo Muíños, que hoxe nas súas declaracións “limitouse a sinalar á mocidade cun discurso moralista no que faltou calquera mínima crítica á actuación das Forzas de Seguridade”. Lois preguntou tamén cal foi o papel da Policía Local no acontecido onte, e de quen partiron as ordes para que a Policía lanzara disparos ao aire e cargara contra o estudantado “nunha actuación que non tén precedentes en Santiago en situacións de aglomeracións como a de onte”.

Comentarios
Lo más