CA urxe ao Goberno a cumprir os acordos plenarios e a escoitar as demandas da veciñanza e das Facultades de Filosofía e Xeografía e Historia

CA urxe ao Goberno a cumprir os acordos plenarios e a escoitar as demandas da veciñanza e das Facultades de Filosofía e Xeografía e Historia
CA urxe ao Goberno a cumprir os acordos plenarios e a escoitar as demandas da veciñanza e das Facultades de Filosofía e Xeografía e Historia

A portavoz de Compostela Aberta demandoulle ao Goberno local que cumpra os acordos plenarios e acometa a peonalización da praza de Mazarelos, limitando a circulación a residentes e transporte de mercancías.

 Marta Lois incidiu en que “o Concello xa non pode poñer máis escusas para non eliminar os coches deste ámbito, porque acaba de suprimir o tráfico para reparar o pavimento da zona e non houbo ningún problema nin ningunha cuestión técnica que o impedira”. A concelleira explicou que “cada vez son máis as voces que reclaman a peonalización de Mazarelos, entre elas as dos decanatos das dúas facultades localizadas na praza, a de Filosofía e a de Xeografía e Historia”.

O Pleno da Corporación ténse posicionado dúas veces a favor da peonalización de Mazarelos, en xuño de 2020 e en abril de 2021, pero o Goberno non cumpriu o acordo “amparándose en cuestións técnicas que a día de hoxe xa non se sosteñen”. Nesa liña, Marta Lois lembrou que as obras de reposición do pavimento obrigaron nas últimas semanas a pechar ao tráfico Mazarelos e a habilitar un circuíto para a circulación dos vehículos “que é similar ao que CA propuxera no Pleno e que o concelleiro de Tráfico cuestionara desde o punto de vista técnico”. En concreto, a concelleira apuntou que “as obras foron a comprobación empírica de que é posible establecer o dobre sentido de circulación na rampa de acceso á Praza de Abastos desde Virxe da Cerca e de que ao Goberno de Bugallo lle resulta máis cómodo buscar escusas para manteres na parálise que buscar solucións aos problemas e demandas da cidadanía”.

Apoio das Facultades da USC

Marta Lois incidiu en que “o Goberno de Bugallo tén que escoitar á cidadanía, que se vén pronunciando a favor da peonalización de Mazarelos”. Nese sentido, lembrou o posicionamento da asociación de veciños Fonseca, “pero tamén dos decanatos das facultades de Filosofía e de Xeografía e Historia da USC, dous centros localizados nese ámbito e que envolven a case 2.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de xestión da Universidade”. A portavoz de Compostela Aberta explicou que “estes dous equipamentos universitarios son un dos focos de maior movemento de peóns de toda a zona vella, e polo tanto a súa posición debera ter sida en conta cando falamos do único espazo intramuros que aínda non está peonalizado”. Lois incidiu en que “esta é unha demanda que nos veñen manifestando desde as facultades nas reunións que o grupo municipal de CA mantivo nos últimos meses cos decanatos, que mostran a súa preocupación polos problemas de convivencia entre peóns e vehículos neste ámbito”.

Melloras na Facultade de Xeografía e Historia

Na proposición que Compostela Aberta levará ao Pleno tamén se recollen as demandas do decanato da Faculdade de Xeografía e Historia ao respecto da restauración do edificio. Marta Lois explicou que os responsables do centro “urxen ás administracións, nomeadamente ao Consorcio, a fixar como unha prioridade a rehabilitación deste inmoble, unha vez finalizada a redacción do seu Plan Director”. A portavoz de CA lembrou que na “Proposta Estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032”, aprobada polo Real Padroado en xullo, recóllese a necesidade de realizar intervencións urxentes en varios edificios monumentais, cun orzamento de 60 millóns de euros, “e entre eles a Facultade de Xeografía e Historia debe ser unha prioridade”.

Comentarios
Lo más