Lousame aproba por unanimidade o seu regulamento de honras e distincións

Lousame aproba por unanimidade o seu regulamento de honras e distincións
Lousame aproba por unanimidade o seu regulamento de honras e distincións

Aprobado un expediente de modificación de crédito de 13.500 € para adiantar o pago das achegas municipais do SAF Dependencia de xullo e agosto

A unanimidade caracterizou unha rápida sesión plenaria de Lousame, na que todos os puntos da orde do día foron aprobados co apoio dos tres grupos políticos municipais e sen debate. Así, o Pleno aprobou o Regulamento de honras e distincións do Concello de Lousame, que permitirá nomeamentos de fillo adoptivo e predilecto, concesión de medallas do Concello ou dar nome a unha rúa do municipio. Un regulamento que será sometido 30 días a información pública e entrará en vigor en canto se publique no BOP.

Por outra banda, o Pleno aprobou unha Declaración Institucional sobre os discursos de odio no que se comprometen a que nos actos organizados polo Concello de Lousame imperen valores compatibles coa igualdade e a non discriminación por ningunha razón de sexo, orientación sexual, raza, posición social... así como condenar calquera atentado contra a vida das persoas por razóns de sexo, orientación sexual, raza, ideoloxía... Finalmente, o Pleno aprobou a Conta Xeral do exercicio 2020 e a alcaldesa, Teresa Villaverde, deu a coñecer que o período medio de pago do segundo trimestre de 2021 foi de 21,9 días.

Mocións

O Pleno deu o seu visto bo tamén unha moción de urxencia do Grupo de Goberno para aprobar un expediente de modificación de crédito de 13.587,35 euros para adiantar a achega municipal aos gastos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Dependencia dos meses de xullo e agosto. “Son cartos que podemos liberar doutras áreas de gasto e así facilitar que as persoas que prestan o SAF Dependencia poidan cobrar canto antes”, explicou Villaverde Pais. A moción foi aprobada cos votos a favor de PP e PSOE, e coa abstención do BNG.

Finalmente, a moción de urxencia do BNG sobre o parque eólico Huracán non superou o trámite de urxencia. A alcaldesa de Lousame explicou que “en Galicia hai un plan sectorial eólico que marca as zonas susceptibles de implantación de parques eólicos. O parque Huracán non está dentro dunha zona onde se pode implantar”. Neste sentido, Villaverde Pais informou de que xa mantivo contactos coa Xunta de Galicia e asegurou que “a Xunta non vai informar favorablemente porque non pode ir en contra do seu plan sectorial” e lamentou a falta de coordinación entre a administración do Estado e autonómica porque “así as empresas non terían que perder o tempo facendo proxectos que non poden ser aprobados”. Finalmente, comprometeuse a seguir informada e “se houbese algún parque que nos afectase, informarei aos distintos grupos municipais”. 

Comentarios
Lo más