Música, danza, contos e maxia enchen outubro de actividade na Ánxel Casal

Música, danza, contos e maxia enchen outubro de actividade na Ánxel Casal
Música, danza, contos e maxia enchen outubro de actividade na Ánxel Casal



   Haberá tamén diversas mostras e actividades conmemorativas do Día das escritoras e do Día das bibliotecas, entre outras temáticas




A biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal, xestionada pola Xunta, enche outubro de actividade con contacontos, maxia, un obradoiro de debuxo e presentacións de libros con espectáculos de música e danza, entre outras propostas. A información das iniciativas pode consultarse na web do centro. Para participar nelas cómpre retirar o convite no mostrador de información desde 30 minutos antes do inicio de cada actividade.


As sesións dos sábados para público infantil e familiar arrancaron o pasado sábado con maxia, co espectáculo Maxiart a cargo do mago David Méndez. Na xornada do 7, tamén o público familiar poderá gozar ás 18,30 horas do acto de presentación do libro Erika y la danza, de Fátima Moreno, por parte da Academia LoDanzas, que contará coa actuación dunha bailarina en directo. O sábado 9 será a quenda do contacontos Libros para sorprender e participar, con Fátima Fernández, dirixido á cativada de 3 a 8 anos.


O venres 15, ás 18,30, haberá unha nova presentación dun libro, Little Neno descobre... os Beatles, desta volta da man de A Reixa, e que incluirá un contacontos teatralizado e musicalizado cun pequeno concerto ao final. Xa o sábado 16, ás 12,00 horas, volven Kids & us cun espectáculo en inglés, A present for Granny.


Pakolas presenta o xoves 21, ás 18,30, o seu último libro-cd Ramona Órbita, a dona do tempo no que conta e canta a historia de Ramona, unha muller labrega e científica do Courel que posúe unha horta cibernética e unha máquina do tempo. Á mesma hora, o venres, chegará Xandobela co seu contacontos O chineiro da tía María, no que utiliza a técnica tradicional europea do cantastorie. Nela mestúranse narración, pinturas en grandes lenzos e música cooperativa.


As sesións de narración oral continúan os sábados 23, con Vero Rilo e Outra vez!, e 30, con Ánxeles Goás e Samaín. Ambas están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 8 anos e terán lugar ás 12,00 horas.

Celebración dos días das escritoras e das bibliotecas

Por outra banda, o 18 de outubro, a Biblioteca Pública Ánxel Casal súmase á celebración do Día das escritoras co recital para público adulto Palabra de muller. Coordinado por Lisístrata, persoas representativas da cultura e a sociedade galega poranlles voz ás escritoras homenaxeadas, baixo a lenda Ler as idades da vida. No marco desta efeméride instalarase tamén nesa data a mostra bibliográfica infantil 18 de outubro: Día das (nosas) escritoras.


Canto ás exposicións e mostras previstas para o vindeiro mes, o centro celebra o Día das bibliotecas, o 24 de outubro, coa instalación Historias de biblioteca na sala infantil. Trátase dunha selección de libros que teñen as bibliotecas e o seu persoal como protagonistas. Estará dispoñible ao longo de todo o mes.


Ademais, no segundo andar instalarase a mostra bibliográfica Medicina na literatura, unha selección de textos esenciais cuxa trama xira arredor da enfermidade, a práctica médica, a atención hospitalaria ou a consideración histórica e social da profesión médica.


A saúde será tamén protagonista da mostra de banda deseñada situada na zona de Fondo Local, Medicina gráfica. Este termo, acuñado polo médico británico e autor de cómics Ian Williams, refírese ao uso do cómic ou novela gráfica, a ilustración e a infografía como ferramentas de comunicación sanitaria. Ambas propostas poderán visitarse ata o día 30 de novembro.



Por outra banda, ata o día 29, o vestíbulo acollerá a exposición Biblioteca de libros fantásticos de Carmen Domech, organizada por Títeres Cachirulo.


Comentarios
Lo más