A Escola de Música de aCentral Folque presenta un novo curso

A Escola de Música de aCentral Folque presenta un novo curso
A Escola de Música de aCentral Folque presenta un novo curso

O venres 15 de outubro comeza un novo curso regular da Escola de Música d’aCentral Folque, que xa leva 21 anos de ensino en músicas populares galegas. Haberá aulas para todos os públicos e inquietudes en especialidades coma baile, sanfona, violino, gaita, canto, frautas, percusións, solfexo, análise musical de cancións tradicionais…A partir de xaneiro do 2022 haberá unha morea de cursos monográficos especiais e este ano inaugúrase a aula de acordeón piano na oferta educativa da escola, que foi presentada en rolda polo coordinador, Mauro Sanín, e pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.

Un novo curso para quen goste de aprender e saber da música galega comeza en Santiago de Compostela da man da Escola de Música d’aCentral Folque a partires de outubro en diferentes centros socioculturais da cidade. Para todos os públicos e todas a inquietudes en diversas especialidades e en aulas individuais ou colectivas. Esta iniciativa recibe máis un ano o apoio do Concello de Santiago por medio da Concellaría de Cultura.


Mercedes Rosón agradeceu o labor que está a desempeñar a Escola na formación musical dos composteláns e compostelás e alabou a calidade tanto da oferta como do profesorado. "Fai 21 anos que comezaron esta aventura, tan necesaria para pór en valor, dinfundir, e formar a varias xeracións nese legado cultural, nese patrimonio inmaterial tan rico que nos distingue como pobo e como cultura. Moitos parabéns por esta fructífera traxectoria", recalcou. "Desde o concello de Santiago levamos moitos anos apoiando este labor de estudo, divulgacion e promoción da música popular galega, con ese enfoque, convén recordalo, aberto e contemporáneo".

Este curso está aínda está a ver afectado pola situación sanitaria "mais non impide ao Centro desenvolver unha oferta que combine a presencialidade com todas as medidas de seguranza e o ensino a distancia", indicou o coordinador da Escola, Mauro Sanín.

aCentral Folque
aCentral Folque leva vinte anos aprendendo música ao redor das formas patrimoniais galegas desde que abriu as súas portas no curso 2000-01, daquela o chamado Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, vila onde se mantivo ata o ano 2008 cando trasladou a súa sede ata Santiago de Compostela. Nun tempo onde o ensino da música galega estaba restrinxido ao ámbito local dos grupos folclóricos e ao tecido asociativo, esta Escola supuxo un foco de atención a músicos de toda Galicia que podían atender a aulas individuais de especialidades pouco frecuentes como a sanfona ou o acordeón diatónico.

Vinte anos despois e cunha rede moi extensa de lugares e iniciativas semellantes onde aprender música galega por todo o país, aCentral Folque continua a ser referencia docente con características propias como aulas individuais de instrumento ou o único Curso Maxistral sobre a música patrimonial galega.

A escola de aCentral Folque é un centro de ensino dinámico no que prima a calidade da relación entre mestre e alumnado. A súa metodoloxía baseáse na transmisión do legado da música popular galega e no acompañamento d@ alumn@ na busca da súa propia voz dentro da escena contemporánea. Para isto, a escola é coñecida por contar cun equipo de profesores excepcional formado por algunhas das figuras máis relevantes da escena musical galega. Mestres coma Óscar Fernández, Sergio Cobos, Paulina Ceremuzynska, Sergio de la Ossa, Roberto Sala ou María G. Blanco forman parte do profesorado regular das aulas, mais outros músicos son convidados regularmente a impartir aulas maxistrais nos Monográficos que se celebran puntualmente ao longo de todo o ano en especialidades tan diversas coma Birimbao, Canto e pandeireta, Canto en grupo, frauta irlandesa, sanfona para crianzas…

A historia d’aCentral Folque é unha historia de loita pola divulgación da música popular galega e pola mellora da súa situación no contexto contemporáneo. Os apoios de institucións públicas que axudan a manter esta iniciativa son do Concello de Santiago de Compostela principalmente e da Deputación de A Coruña. Departamento de Cultura. 

Comentarios
Lo más