Solicitan paralizar a licitación dos quioscos para prohibir neles a venda de alcohol

Solicitan paralizar a licitación dos quioscos para prohibir neles a venda de alcohol
Solicitan paralizar a licitación dos quioscos para prohibir neles a venda de alcohol

Nos pregos unicamente se prohibe a venda de bebidas alcohólicas a menores de dezaoito anos, deixando aberta a posibilidade da súa dispensa

O Grupo Municipal Popular advirte de eivas e indeterminacións nos pregos de licitación da concesión do uso privativo do dominio público municipal para a explotación de dous quioscos no parque da Alameda e na Praza de Vigo, que se atopan en prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 5 de novembro, polo que, ante os prexuízos que poidan ocasionar, recomenda a paralización e a revisión do procedemento.

No documento que contén as condicións para optar a esta concesión, no apartado dedicado aos produtos autorizados á venda, despois dunha relación de diversos artigos, materiais e consumibles, recóllese textualmente “queda prohibida a venda de bebidas alcohólicas a menores de dezaoito anos”. Unha prohibición relativa -que lembra a que ten ocasionado unha situación complexa na nave 5 da Praza de Abastos- ao non excluír taxativamente a venda de todo tipo de bebidas alcohólicas, independentemente da idade do consumidor, como sería recomendable nunha instalación como esta, que non dispón de lugar específico para o consumo e situada nunha contorna frecuentada pola infancia e a mocidade, que transitan ou fan uso de ambos parques públicos. A posibilidade que se ofrece para vender bebidas alcohólicas podería converter estas instalacións en lugares de subministro para “botellóns” nos espazos públicos próximos.

Por este motivo, no prego debería figurar de forma expresa e categórica esta prohibición, en consonancia coas recomendacións das estratexias nacionais e internacionais sobre drogas; e tal e como se recolle no modelo de ordenanza da Federación Española de Municipios e Provincias “para regular o consumo indebido de bebidas alcohólicas”, en cuxo articulado, entre as prohibicións, se detalla que “queda prohibida a venda de bebidas alcohólicas en quioscos, postos de xeados, locais, tendas de artigos varios e calquera outros de instalación permanente, ocasional e de temporada na vía pública”.

Horarios reducidos para os aseos accesibles

O Grupo Popular chama a atención tamén sobre os problemas que pode ocasionar o horario para a explotación dos quioscos, que condiciona o acceso aos aseos públicos adaptados con que contan estas instalacións. Segundo se desprende do prego de condicións, o aseo accesible da Alameda estaría aberto entre as 9 e as 21 horas entre maio e outubro todos os días da semana, pero entre novembro e abril, permanecería pechado entre as 13 e as 16 horas e partir das 19.30 horas. Mentres as tardes dos sábados, domingos e festivos unicamente abriría entre as 9.30 horas e a 13 horas, permanecendo pechado polas tardes.

Pola súa parte, o aseo público accesible da Praza de Vigo abriría todo o ano de luns a sábado entre as 8 horas e as 13 horas e de 16 horas a 20,30 horas, mentres os domingos e festivos unicamente abriría de 9 a 13,30 horas, permanecendo pechado polas tardes durante todo o ano.

Para os Populares, estes horarios resultan insuficientes, especialmente, polas restricións das tardes, fins de semanas e festivos, avogando por reconsiderar a situación, ben sexa a través dalgunha modificación nas condicións do contrato ou arbitrando calquera outra solución que permita ampliar as posibilidades de manter a disposición pública estes servizos accesibles dos que a cidade carece.

Comentarios
Lo más