Oroso instala un parque de calestenia e dúas estacións de reparación de bicicletas

Oroso instala un parque de calestenia e dúas estacións de reparación de bicicletas
Oroso instala un parque de calestenia e dúas estacións de reparación de bicicletas

Trátase de demandas que os clubs deportivos trasladan ao grupo de goberno nas reunións que manteñen de forma periódica

O Concello de Oroso instalou nos últimos días un parque de calestenia e dúas estacións de reparación de bicicletas de libre uso por parte de todos os veciños e veciñas.

Unha das estacións está na explanada do pavillón municipal e outra ao lado da piscina. Sirven para inflar rodas, arranxar pinchazos e facer outras reparacións. Os veciños e peregrinos poden utilizar o Código QR que atoparán para ler as instrucións completas de uso.

IMG 20211009 WA0016

Polo que respecta ao parque de calestenia, está ubicado tamén ao carón da piscina e do Carboeiro. Neste tipo de instalacións pódense realizar exercicios a partir de elementos estáticos que axudan a desenvolver a forza e a fortaleza dos músculos. Nesa mesma zona hai uns aparatos biosaudables e algúns deles serán reparados nos próximos días.

“Desde o concello mantemos reunións periódicas cos clubs deportivos para coñecer as súas necesidades e demandas; neste caso, estas instalacións xurdiron de encontros co Club Ciclista Oroso e o Club Atletismo Tambre”, explica Antonio Leira.

A posta en marcha de novas instalacións para a práctica deportiva continúa, con novo circuito para bicicletas ou os espazo multideporte que o Concello de Oroso fará en Porto Avieira.


“Fomentar os hábitos de vida saudables e poñer en valor os nosos espazos naturais son prioridades para este concello, polo que seguiremos dando pasos neste sentido”, engade o alcalde de Oroso, Luis Rey.

Comentarios