Éxito nas actividades de acollemento lingüístico no galego

Éxito nas actividades de acollemento lingüístico no galego
Éxito nas actividades de acollemento lingüístico no galego

Este xoves, 14 de outubro, comeza coas prazas completas o Obradoiro de acollemento lingüístico programado para este outono polo Departamento de Lingua do Concello.

Esta actividade, aberta e de balde, desenvólvese o longo de 18 sesións de dúas horas cada unha. A metodoloxía, moi dinámica, utiliza o xogo, o traballo en equipo, os recursos audiovisuais ou as redes sociais para promover a práctica comunicativa, achegar e mellorar as destrezas lingüísticas e afondar no coñecemento da cidade, a historia, as tradicións, o xeito de vivirmos ou cultura en xeral.


Está dirixida a persoas que se aproximan por primeira vez á nosa lingua, porque chegan doutras comunidades ou porque nunca tiveron ocasión ou motivación para aprender galego. As inscricións na que será a terceira edición deste ano inclúen unha maioría de persoas de América (16) e, das nove restantes, dúas son galegas, cinco proceden doutras comunidades do Estado español e outras dúas doutros estados da UE.

As sesións realízanse na aula do Departamento de Lingua situada na rúa da República do Salvador 12 (Espazo Apego).

Paralelamente, está en marcha desde este verán o programa Elos para o intercambio lingüístico. Elos promove a aprendizaxe a través do contacto entre galegofalantes e persoas que desexan adquirir a lingua.

Mediante un procedemento sinxelo de inscrición, calquera persoa interesada e disposta a dedicar un mínimo dunha hora á semana pode anotarse. O programa procura asociar intereses similares para garantir unha maior fluidez comunicativa e organiza unha primeira toma de contacto despois da cal poden confirmar ou rexeitar o emparellamento proposto. Posteriormente, unha vez aceptado, queda da súa conta organizaren os sucesivos intercambios e ampliar o seu horario de dedicación.

Para promover a interacción e incentivar o voluntariado organízanse complementariamente algunhas actividades grupais, como a visita guiada que haberá o próximo 22 de outubro pola Cidade Histórica.

Nos pouco mais de tres meses de vida do programa superáronse as 130 inscricións (59 para aprender e 73 para ensinar), con persoas de procedencias, idades e intereses do máis variado. 

Comentarios
Lo más