Unha investigación da USC relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer

Unha investigación da USC relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer
Unha investigación da USC relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer

Científicos da USC abren a porta a cambiar o foco das terapias actuais centradas na materia gris

Un estudo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) no que tamén toma parte a USC, relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer. O traballo desenvolvido en colaboración con médicos do Servizo de Neuroloxía e Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), acaba de ver a luz no European Journal of Nuclear Medicine and Molecular Imaging. Esta é a primeira investigación destas características que se realiza a nivel mundial na materia branca do cerebro e serviu para analizar a proteína amiloide nesta substancia cerebral, converténdoa nun novo biomarcador asociado ao avance clínico desta enfermidade.

“Ata o de agora todas as investigacións centrábanse en medir os depósitos de proteína amiloide na materia gris do cerebro, obviando a materia branca. Este traballo abre, por tanto, a porta a un novo biomarcador de seguimento da enfermidade e mesmo a cambiar o foco das actuais terapias, que se enfocan en reducir o amiloide na substancia gris e que fracasaron a maioría delas”, explica o investigador Pablo Aguiar.

Preto de 800 participantes

Este estudo é un traballo derivado da tese de Alexis Moscoso, finalizada o ano pasado. A investigación permitiu comprobar que os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro están relacionados coa progresión clínica do alzhéimer. Para levalo a cabo contaron cunha mostra de 795 participantes. “O amplo tamaño da mostra constitúe unha fortaleza xa que nos permite cubrir todo o espectro da enfermidade”, sinala Aguiar. Para poder analizar os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro dos pacientes utilizouse como ferramenta central de traballo a tomografía por emisión de positróns.

Estes escáneres realizáronse en numerosos países de todo o mundo, coordinados dende Estados Unidos, constituíndo a base de traballo para esta investigación que analizou os datos referidos a cada un deles durante un seguimento de máis de cinco anos. “As probas realizáronse en estado basal dos pacientes para poder dispoñer de datos lonxitudinais da evolución da enfermidade. A través destas probas puidemos comprobar como os pacientes que presentaban proteína amiloide na materia branca do cerebro eran os que cognitivamente evolucionaban peor”, indica o investigador.

A materia branca

O tecido chamado ‘materia gris’ presente no cerebro e na medula espinal, coñécese tamén como substancia gris e está composto por corpos de células neuronais. Coñécese por este nome porque os núcleos que compoñen as neuronas fan que adquira unha tonalidade desta cor cando se analiza o cerebro. Está implicado en funcións como o control muscular, a fala, as emocións, a toma de decisións ou a memoria. Pola súa parte, a denominada ‘materia branca’ está composta por fibras nerviosas. Coñécese por este nome porque a mielina dos axóns das súas neuronas fai que adquira esta cor cando se analiza o cerebro. Está situada entre a substancia gris, o corpo estriado e a parte media do cerebro e o seu principal papel dentro do sistema nervioso central é a comunicación máis que o procesamento, aínda que tamén se encarga de regular funcións inconscientes como a temperatura corporal, a fame, a sede, a presión sanguínea e o ritmo cardíaco.

Comentarios