Reclaman que se cumpra o compromiso de crear unha piscina en Santa Marta

Reclaman que se cumpra o compromiso de crear unha piscina en Santa Marta
Reclaman que se cumpra o compromiso de crear unha piscina en Santa Marta


CA esixe o cumprimento do acordo plenario  para a planificación da piscina e a creación dunha comisión de traballo cos clubs de natación para o seu deseño

Compostela Aberta volverá reclamar no Pleno a construción dunha nova piscina cuberta na zona de Santa Marta, que permita darlle resposta á demanda deste tipo de instalacións, que non deixa de medrar en Santiago. O concelleiro Xan Duro lembrou que o Goberno local comprometeuse hai case dous anos a crear unha comisión de traballo para deseñar esas novas instalacións coa participación do conxunto da Corporación e da representación dos clubs deportivos da cidade que serán os seus potenciais usuarios, “pero non houbo ningún novo contacto ao respecto e non se nos presentou o anteproxecto que Bugallo dixo que xa estaba elaborado e que porían ao noso dispor”. O edil lamentou a pasividade do alcalde e da concelleira de Esther Pedrosa, “fronte á situación cada día máis precaria de deportistas federados que non poden adestrar en condicións para as súas competicións”.

Xan Duro explicou que as piscinas de Sar e Santa Isabel superan os 300.000 usos anuais, dos que 100.000 corresponden aos clubes federados. As dúas instalacións están xa saturadas, e a situación é inasumible nestes momentos nos que a piscina de Sar está pechada á espera da colocación da nova cuberta. O concelleiro de Compostela Aberta explicou que os deportistas do Club Natación Cidade de Santiago, o Club Waterpolo Santiago, o Triatlon Arcade Inforhouse e o Triatlón Compostela teñen que convivir cos milleiros de usuarios particulares “e o resultado é que nin uns poden adestrar en condicións e de acordo coas esixencias das súas competicións, nin os outros poden practicar a súa afección, que en moitos casos mesmo tén un obxectivo terapéutico”.

Promesas incumpridas

En xaneiro de 2020 o Pleno aprobou unha moción na que se instaba ao Goberno a elaborar unha planificación plurianual para desenvolver no presente mandato un novo centro deportivo con piscina na zona sur da cidade e a impulsar unha comisión de traballo ao respecto no que estiveran representados todos os grupos da Corporación e os clubs que practican natación; e á Xunta e á Deputación da Coruña a colaborar no financiamento da infraestrutura deportiva pública. Xan Duro denunciou que “case dous anos despois dese acordo, descoñecemos que trámites impulsou o Goberno para darlle cumprimento a este acordo, e non houbo ningún contacto de cara á creación da comisión de traballo”. O concelleiro incidiu en que “esta pasividade é especialmente grave tendo en conta que tanto a concelleira de Deportes como o alcalde expresaron o seu absoluto compromiso con esa actuación, e o propio Bugallo asegurou que existía un anteproxecto que Esther Pedrosa podía presentar e do que por suposto nada sabemos dous anos despois”

Así as cousas, Compostela Aberta levará ao Pleno deste mes de outubro unha nova moción para instar ao Goberno local a cumprir o acordo plenario de xaneiro de 2021, co obxectivo de que a necesaria piscina cuberta de Santa Marta sexa unha realidade canto antes.

Comentarios