O Clínico estrea en Galicia unha nova técnica para tratar nódulos tiroideos sen necesidade de cirurxía

|

Profesionais do servizo de Endocrinoloxía da Área Sanitaria de Santiago veñen de introducir en Galicia unha nova técnica de ablación por radiofrecuencia para o tratamento de nódulos tiroideos que se emprega cando está contraindicada a cirurxía e pola que se acada consegue a redución do volume do nódulo.

A patoloxía nodular tiroidea presenta unha alta prevaleza na poboación xeral, afectando a máis do 50% das persoas sas. Nalgúns casos, os nódulos tiroideos tenden a aumentar o seu tamaño de forma progresiva, chegando a producir clínica compresiva, dor ou alteracións de carácter estético, o que fai necesario o seu tratamento. Como alternativa á cirurxía, cando está contraindicada ou é rexeitada, xurdiron técnicas minimamente invasivas, como a ablación por radiofrecuencia, cuxo obxectivo radica en reducir o volume do nódulo tiroideo sólido de forma eficaz e segura ao inducir unha ablación térmica, vaporización da lesión e necrose coagulativa da área circundante, mellorando por tanto a sintomatoloxía local e estética do paciente.

Pode estar indicada tanto para nódulos de carácter benigno como para o carcinoma de tiroides recorrente no que a cirurxía xa non é posible. Esta técnica non altera a función tiroidea, a diferenza da cirurxía non precisa de ingreso hospitalario nin de anestesia xeral, o tempo de recuperación é máis rápido e o risco de complicacións mínimo.

Así pois, o 30 de setembro de 2021, desde o Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, levou a cabo, por primeira vez en Galicia, a ablación por radiofrecuencia de nódulos tiroideos de dous pacientes candidatos, con éxito. Devandito procedemento foi levado a cabo polos doutores José Manuel García López e  Antía Fernández Pombo, acompañados pola enfermeira Nieves Caamaño Lois e un experto externo, con ampla experiencia nesta técnica.

 

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.