O PP pide ao Goberno local que non prorrogue por dous anos o contrato de xestión de multas á empresa privada que o leva na actualidade

|

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, anunciou  en rolda de prensa que, no vindeiro Pleno ordinario, pedirá ao Goberno local que, unha vez que remate a vixencia do contrato de xestión de multas que, na actualidade, leva unha empresa privada, este non se prorrogue nas mesmas condicións por dous anos, senón que se é necesario prorrogalo, que sexa “polo tempo estritamente necesario para que se articule unha alternativa de xestión que resulte máis transparente, que garanta máis imparcialidade na tramitación das multas e que sexa máis contida economicamente”.

Sánchez-Brunete explicou que o seu Grupo non se opón, en termos xerais, ao que é a colaboración público-privada, si se fai con control, pero hai límites, xa que “parece cuestionable que unha empresa privada poda acabar participando na definición das políticas de seguridade vial”, como ten sucedido neste Concello con esta empresa no caso da polémica instalación dun radar na SC-20 en Conxo.

Así mesmo, engadiu que “resulta un tanto desagradable para o conxunto dos cidadáns saber que o 26,8% do que se recada en período voluntario por multas vai a unha empresa privada” e, ademais, remarcou que, cando no ano 2017-2018 se convoca un concurso para seleccionar a empresa que vai levar este servizo no Concello de Santiago tramitábanse uns 34.000 expedientes sancionadores e, neste momento, estamos entorno a uns 50.000.

Para o portavoz Popular, o Concello ten que buscar outras alternativas de xestión e puxo sobre  a mesa tres propostas, “que sexa o propio Concello o que leve a cabo este servizo; que o faga a Deputación da Coruña, que só suporía un 12,5 %; e, a terceira proposta sería que no caso de que se contrate unha empresa privada, ese contrato contemplara uns maiores mecanismos de control, como auditorías que agora non se están levando a cabo”.

Finalmente, Sánchez-Brunete insistiu en que o seu Grupo pediralle ao Goberno local que valore outras oportunidades, pero “sexa cal sexa a opción escollida o que nós defendemos é que o réxime sancionador non perda de vista  principios como o de oportunidade, proporcionalidade, transparencia, imparcialidade e principios de contención económica”.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.