Un estudio sinala que as decisións dos gobernos e o comportamento da poboación inflúen máis na transmisión da COVID-19 que a meteoroloxía

Un estudio sinala que as decisións dos gobernos e o comportamento da poboación inflúen máis na transmisión da COVID-19 que a meteoroloxía
Un estudio sinala que as decisións dos gobernos e o comportamento da poboación inflúen máis na transmisión da COVID-19 que a meteoroloxía

Un estudo no que toma parte o profesor da USC Dominic Royé analizou o potencial influxo das condicións meteorolóxicas na transmisión do SARS-CoV-2 en 409 cidades de todo o mundo pertencentes a 26 países

Por enriba das condicións meteorolóxicas, o que realmente incidiu, de xeito decisivo, na transmisión da COVID-19 foi o comportamento da poboación, así como as intervencións gobernamentais. Esta é a principal achega dun estudo no que toma parte o profesor da USC Dominic Royé e que analizou o potencial influxo da meteoroloxía na transmisión do SARS-CoV-2 en 409 cidades de todo o mundo pertencentes a 26 países.

O artigo titulado ‘A cross-sectional analysis of meteorological factors and SARS-CoV-2 transmission in 409 cities across 26 countries’ e que acaba de ver a luz en Nature Communications, evidencia como a medida que a temperatura ascendía nun intervalo comprendido entre os dez e os 20 graos, producíase un modesto descenso na transmisión do virus. Con todo, os autores do estudo subliñan que á hora de identificar os factores cruciais no proceso de transmisión, o rol xogado polos gobernos é seis veces máis relevante que o da temperatura nas cidades obxecto de estudo. En concreto, no caso español, analizáronse un total de 52 núcleos poboacionais.

Estudo pioneiro

“Este é o primeiro estudo que usa unha base de datos global relativa a casos da COVID-19 que toma como referencia as cidades”, sinala Dominic Royé. “A nosa intención era avaliar o rol potencial da meteoroloxía nas dinámicas de transmisión local da COVID-19 durante a primeira vaga da pandemia”, continúa o profesor da USC. En concreto, o equipo de investigadores botou man dunha base de datos composta por tres millóns de casos de persoas infectadas polo SARS-CoV-2 ata o 31 de maio de 2020. “Analizamos a reprodución efectiva do virus en cada cidade ao longo dun período de 20 días, así como as condicións meteorolóxicas observadas durante a mesma franxa de tempo”, engade o profesor Royé, quen matiza que á hora de afondar na reprodución do virus, tomáronse en consideración as intervencións dos gobernos, a calidade do aire, así como indicadores socio-económicos.

“A investigación achega unha pequena evidencia de que as condicións meteorolóxicas teñen certa influencia nas etapas temperás das epidemias locais”, sinala Royé. Así, o estudo constata, por exemplo, que das 136 cidades que posuían un nivel alto de transmisión do virus, 35 posuían temperaturas baixas; 64, temperaturas medias; e 34, altas temperaturas. De cara a futuras investigacións, os autores subliñan que os estudos que avalíen o papel dos factores meteorolóxicos na COVID-19 tamén deberán ter en consideración a cobertura da vacinación mundial.

Comentarios