Investigadores de Santiago farán un ensaio clínico destinado a combatir infeccións bacterianas graves

Investigadores de Santiago farán un ensaio clínico destinado a combatir infeccións bacterianas graves
Investigadores de Santiago farán un ensaio clínico destinado a combatir infeccións bacterianas graves

Os investigadores composteláns, únicos galegos en acadar financiamento do Instituto de Salud Carlos III para fomentar o desenvolvemento de ensaios clínicos independentes

Investigadores do Instituto de InvestigaciónSanitaria de Santiago (IDIS) veñen de acadar 280.000 euros de  financiación para desenvolver un ensaio clínico independente destinado a combater as infeccións bacterianas graves ou sepse. Trátase do único proxecto galego, apoiado pola convocatoria do Instituto de Salud Carlos III destinada a promover ensaios clínicos independentes, é dicir, sen dependencia da industria.

O estudo SePkLin, liderado por Anxo Fernández Ferreiro, farmacéutico especialista da Unidade de Investigación e Innovación do Servizo de Farmacia da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, é un ensaio clínico fase IV que incluirá a 700 pacientes galegos. Ten como obxectivo mellorar o balance beneficio/risco da terapia antiinfecciosa en pacientes con sepse grazas á aplicación da medicina personalizada con base farmacocinética.

Realizarase coa individualización dun dos tratamentos antiinfecciosos máis utilizados nos pacientes con sepse, o linezolid. E levarase a cabo a partir de análises sanguíneas polas que se detectará a cantidade de antibiótico que hai no organismo de cada paciente concreto para así poder aumentar ou diminuír a dose en función da situación de cada un deles.

Os pacientes con infeccións graves, como a sepse, experimentan numerosas alteracións fisiolóxicas que afectan á cantidade de antibiótico que hai no seu organismo. O adecuado control das concentracións do fármaco antiinfeccioso en sangue e o seu mantemento dentro dos rangos establecidos, fará que os pacientes experimenten menos toxicidade derivada do fármaco e obteñan unha mellor resposta ao tratamento. Consecuentemente, diminuirase a morbilidade e mortalidade asociada á patoloxía e, finalmente mellorará a calidade de vida dos pacientes.

A sepse prodúcese como consecuencia dunha resposta inadecuada do organismo ante unha infección, causando o fallo de múltiples órganos e poñendo en risco a vida da persoa que a padece. A súa incidencia é de 104 casos por 100.000 habitantes ao ano e pode chegar a causar a morte de ata a metade dos pacientes que a padecen. Estímase que en España falecen cada ano 17.000 persoas por sepse, máis que por cancro de mama, colon ou páncreas. “Moitos dos antibióticos empréganse coa mesma dose para todos os pacientes, con todo, non todos os pacientes son iguais. Este feito conleva que uns reciban menos dose da que precisan (e polo tanto o tratamento non lles vai a curar a infección) e outros pacientes reciban máis doses da que necesitan (o que implica que van sufrir reaccións adversas). Ambas situacións son perigosas e deben ser evitadas, xa que teñen unha importante mortalidade asociada”, subliña Anxo Fernández Ferreiro, IP (investigador principal) do proxecto.

Ensaios clínicos independentes

O Instituto de Saúde Carlos III reforza a investigación clínica independente coa posta en marcha de 31 ensaios clínicos, o único concedido en Galicia desenvolverase en Santiago de Compostela e contará con doentes da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e A Coruña. “Os ensaios clínicos son moi importantes e necesarios para avanzar na investigación científica e grazas a eles poden estar dispoñibles novos medicamentos e tratamentos pero a súa posta en marcha e a súa execución é custosa por iso, en máis do 70% dos casos adoitan estar promovidos pola industria”. Con todo, nos últimos anos xurdiu a necesidade de promover investigación clínica independente que recolle iniciativas que non levan a marca da industria e que tentan resolver problemas identificados polos profesionais do sistema Nacional de Saúde que afectan aos seus pacientes.

Equipo investigador mulsidisciplinar

O equipo investigador está formado por expertos no tratamento de enfermidades infecciosas, así como especialistas na aplicación clínica da medicina personalizada con base farmacocinética e reúne investigadores de 7 especialidades (internistas, intensivistas, anestesiólogos, pneumólogos, farmacéuticos clínicos, xenetistas e microbiólogos) con experiencia no manexo de pacientes con infeccións complicadas de diversa orixe. Ademais, compre destacar a elevada participación de clínico-investigadores procedentes de convocatorias do ISCIII, xa que conta coa participación de 5 dos 7 dos facultativos Juan Rodés galegos.

O soporte principal para o ensaio proporcionarao a Plataforma de Investigación Clínica Independente, concedida na última convocatoria de infraestruturas do ISCIII. Esta Plataforma presta servizos no apoio metodolóxico, farmacovixilancia, estatística e xestión de datos así como na xestión global de proxectos, monitoraxe e xestión administrativa. Ademais tamén colabora a Rede e Nodos de Innovación da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde, que realizan tarefas de dinamización, formación e promoción da innovación en investigación aberta entre os seus profesionais, á vez que prestan soporte na xestión.

 

Comentarios