Reclaman melloras de accesibilidade nos autobuses urbanos de Santiago

Reclaman melloras de accesibilidade nos autobuses urbanos de Santiago
Reclaman melloras de accesibilidade nos autobuses urbanos de Santiago

Na actualidade requírese que as persoas que utilizan cadeira de rodas deban levar acompañante, o que limita a súa autonomía

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha iniciativa para que os autobuses urbanos faciliten o acceso ás persoas que utilizan cadeira de rodas.

O BNG recibiu diversas queixas ante a necesidade de que as persoas con mobilidade reducida que usan cadeira de rodas deban ir acompañadas para abrir a rampa do autobús se queren utilizar este medio de transporte. “Urxe adoptar unha solución para que poidan dispoñer de autonomía e que este servizo público sexa universal”, advertiu Goretti Sanmartín.

É evidente que a flota de autobuses de Santiago non está ben adaptada ás necesidades de accesibilidade que debera ter o transporte público, unha cuestión que deberá ser incluída no prego do novo concurso. A iso súmase o feito de que, supostamente, os/as condutores/as teñan indicacións de que non poden erguerse para axudar a instalar estas rampas de accesibilidade.

Deste xeito, o BNG reclama que o Goberno local do PSOE proceda a solucionar, de urxencia, os actuais problemas de accesibilidade no transporte público, coa axuda do persoal da empresa concesionaria para instalar as rampas e que, ademais, inclúa a obriga das plataformas automáticas no prego do concurso de transporte público, para non excluír as persoas con mobilidade reducida do dereito a utilizar o servizo público de autobús urbano.

Comentarios