O Concello modifica as condición do bono de consumo local ante a baixa resposta dos veciños

O Concello modifica as condición do bono de consumo local ante a baixa resposta dos veciños
O Concello modifica as condición do bono de consumo local ante a baixa resposta dos veciños

Os bonos Corazón Compostela pasarán a ser de 50 euros: o Concello achega 30 e os consumidores, 20

O alcalde anunciou en rolda de prensa a modificación da contía dos bonos Corazón Compostela co obxectivo de fomentar o seu consumo, especialmente por parte da xente máis nova. De 75 euros pasarán a ser de 50, aínda que a achega do Concello se mantén en 30 euros. Deste xeito, a entidade municipal subvenciona o 60%, fronte ao 40% que corre a cargo da persoa usuaria: 20 euros.

O Concello tomou a decisión tras a reunión mantida esta mañá coas asociacións de comerciantes da cidade, que se amosaron partidarios do cambio. Tamén se introducirán outras dúas novidades: en primeiro lugar, o límite de bonos que pode descargar cada persoa sube de 1 a 3. Desta forma, quen xa teña un bono mercado de 75 euros poderá comprar dous máis. Se aínda non se mercou ningún, o consumidor terá dereito a tres bonos de 50 euros. En segundo lugar, ampliouse o tope de gasto por comercio, que pasa de 6.000 a 10.000 euros.

Con estas medidas, como sinalou o rexedor compostelán, preténdese facer máis atractivo o bono para a xente nova e fomentar que merquen no comercio local. A día de hoxe hai 315 establecementos anotados, "unha cifra considerable", apuntou Sánchez Bugallo, dos cales 270 son comercios e 45, negocios do sector da hostalería. Entende o alcalde que a recuperación do sector hostaleiro está sendo máis rápida que a do comercial e de aí ese menor número de solicitudes de adhesión. En canto aos bonos descargados polos consumidores, a cifra a última hora de onte era de 2651. Os cambios faranse efectivos unha vez se aprobe a proposta en Xunta de Goberno e se publique no BOP.

Na rolda de prensa habitual dos venres, o rexedor tamén se referiu á campaña presentada onte na que o Carballo do Banquete se postula a Árbore Europea do Ano 2022. A día de hoxe figura en primeira posición con máis de 5.000 votos, polo que Sánchez Bugallo quixo "agradecer o apoio aos que xa votaron e animar aos que aínda non o fixeron". 

Comentarios