O Castiñeiriño acolle un gran mural solidario da Mona Lisa do proxecto Art for Dent

O Castiñeiriño acolle un gran mural solidario da Mona Lisa do proxecto Art for Dent
O Castiñeiriño acolle un gran mural solidario da Mona Lisa do proxecto Art for Dent

ART for DENT é un proxecto artístico e solidario da Asociación Galega da enfermidade de Dent que pretende visibilizar, desde a cultura e a arte, esta doenza minoritaria que afecta gravemente os riles. Dentro das accións que levan a cabo está a realización de murais artísticos ao longo da xeografía galega. O último, que recrea a famosa Mona Lisa, viste xa unha parede na rúa do Restollal, no compostelán barrio do Castiñeiriño. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, achegouse esta mañá ata a zona xunto cos responsables da Asociación

O obxectivo da asociación é apoiar a investigación da enfermidade de Dent que se leva a cabo no Hospital Vall d´Hebrón en Barcelona coa colaboración na parte xenética do NefroCHUS de Santiago de Compostela. Para iso puxeron en marcha varias iniciativas, entre elas Art for Dent, e, máis concretamente, o programa aDENTrARTE: unha viaxe solidaria polo mundo da arte que consiste en vestir coa camiseta solidaria da asociación, mediante propostas murais, a diferentes personaxes da cultura e obras de arte relevantes.


Despois de vestir en Padrón e Lugo a Rosalía de Castro, e en Ferrol á Infanta Margarita nas "Meninas" de Velázquez, preséntase en Santiago de Compostela, no Castiñeiriño, unha representación do retrato máis famoso e emblemático da Historia da Arte, a Mona Lisa de Leonardo da Vinci vestida coa camiseta solidaria "Pepe". Unha obra versionada por distintos artistas da talla de Duchamp ou Warhol e coa que Art for Dent pretende visibilizar o seu proxecto solidario.
A camiseta solidaria que loce a Mona Lisa do Castiñeiriño pode mercarse na empresa galega Rei Zentolo. O 100% dos beneficios
destínanse íntegramente á investigación da enfermidade de Dent.

Mercedes Rosón acompañou a Asociación na inauguración do mural e felicitounos por "axudar a visibilizar esta realidade oculta" e pola forma de facelo: "incorporando a arte como ferramenta para a cura".

A presidenta da Asociación, María Castelao, quixo agredecer ás entidades involucradas "a implicación para que este mural se levara a cabo de xeito totalmente solidario: a empresa Grúas Estación que nos deixou a grúa o tempo necesario, Procolor por facilitarnos toda a pintura nos nodos murais urbanos, ao Grupo Os Robles por deixarnos esta parede e tamén ao Concello de Santiago por apoiarnos e facilitarnos todo para a súa realización".




Comentarios