Protesta veciñal contra a Cabalgata de Reis en Bonaval

Protesta veciñal contra a Cabalgata de Reis en Bonaval
Protesta veciñal contra a Cabalgata de Reis en Bonaval

A Asociación de Veciños Fonseca reclámalle ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que reconsidere a decisión do Concello de volver a levar a Cabalgata de Reis a San Domingos de Bonaval, recuperando tanto o propio desfile como a recepción aos cativos no Pazo de Raxoi.

Para a Asociación de Veciños “FONSECA” , o traslado proposto a San Domingos de Bonaval ten estas connotacións negativas:

  • A primeira é a da accesibilidade, xa que para acceder á igrexa hai que subir 30 pasos e, dende logo, para as familias con nenos que van en carriños resulta totalmente imposible chegar alí. Aínda cortando o tráfico na contorna, Bonaval non é un lugar apropiado nin cómodo para recibir alí a centos ou miles de familias, integradas por persoas de todas as idades, incluíndo bebés e maiores.


  • A segunda é que se perde a maxia da alocución dos Reis Magos dende os balcóns dun monumento emblemático e todo o seu entorno coa iluminación e as atraccións propias do Nadal na Praza do Obradoiro.


  • A terceira é que Bonaval, en caso de choiva, non ten posibilidade ningunha de resgardo, como si ofrecen os soportais das rúas e do mesmo Pazo de Raxoi.


Esta decisión supón, ademais, un paso máis na perda de importancia de Santiago coma centro e referente da súa comarca, cando o que procede é potenciar actividades arredor do Nadal, mesmo coa instalación dun mercado do Nadal na Praza de Mazarelos, recuperada recentemente para a cidadanía e que pode axudar a promocionar o comercio da Cidade Histórica en momentos tan difíciles como os actuais.


Por estes motivos, dende a Asociación de Veciños “FONSECA” instan ao Sr. Alcalde e á Corporación Municipal de Santiago de Compostela a defender Santiago e as súas tradicións como se merecen, reconsiderando a súa posición e recuperando tanto a Cabalgata de Reis, como a recepción aos nenos no Pazo de Raxoi.

Comentarios