A Xunta de Goberno Local aproba a licitación de varios contratos, entre eles a xestión da rede de Centros Socioculturais

A Xunta de Goberno Local aproba a licitación de varios contratos, entre eles a xestión da rede de Centros Socioculturais
A Xunta de Goberno Local aproba a licitación de varios contratos, entre eles a xestión da rede de Centros Socioculturais

A Xunta de Goberno local  aprobou a licitación da xestión da rede de Centros Socioculturais, e de dous proxectos de Medio Rural: a mellora dos pavimentos en Pardiñas, (Laraño) e a ampliación do paso superior da ruta da Prata sobre as vías do ferrocarril, na cañoteira-Outeiro de Marrozos. Tamén se concedeu a licenza á Xunta de Galicia, por un importe superior aos 3,7 millóns de euros, para a execución da reforma interior do complexo administrativo de San Caetano. Dos acordos adoptados informou, en rolda de prensa, o concelleiro-secretario da Xunta de Goberno Local, Sindo Guinarte.

O executivo municipal aprobou a licitación do expediente denominado "Xestión da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela", por dous anos, e por un importe de 2.600.210,66 euros (IVE incluido). Este expediente divídese en catro lotes:


Lote I: Animación sociocultural. Orzamento estimado máximo de gasto: 1.367.147,66 euros.

Lote II: Bibliotecas. Orzamento estimado máximo de gasto: 436.568,75 euros.

Lote III: Atención ao público. Orzamento estimado máximo de gasto: 433.194,31 euros

Lote IV: Novas tecnoloxías. Orzamento estimado máximo de gasto: 363.299,94 euros.

Tamén se deu luz verde ao expediente de licitación do proxecto "Acondicionamento e mellora dos pavimentos no núcleo de Pardiñas (Laraño)", abrir o procedemento de adxudicación, e autorizar o gasto desta obra, que ascende a 459.717,21 euros, IVE incluído.

Ademais, relacionado coa concellaría de Medio Rural, aprobouse o expediente de licitación do proxecto "Ampliación paso superior da Ruta da Prata sobre FF.CC. na cañoteira-Outeiro de Marrozos", por un importe total de 212.000,00 euros, IVE incluído.

Por outra banda, adxudicouse o contrato "Prestación do servizo de dirección facultativa das obras de Rehabilitación do Palacete do Espiño para equipamento municipal" a favor da empresa JOSÉ IGNACIO LÓPEZ DE REGO URIARTE, por un importe de 78.650 euros, IVE incluido.

Licenzas
A Xunta de Goberno Local acordou conceder á Xunta de Galicia licenza para o proxecto básico e de execución da "Reforma interior e reorganización da ocupación do complexo administrativo de San Caetano FASE 1-A: Rehabilitación e Reforma da Envolvente para a Mellora Enerxética do edificio posterior esquerdo (edificio "espellos"). Esta obra ten un orzamento de execución material de 3.716.607,04 euros.

Prórrogas
Tamén se aprobaron dúas prórrogas. A de autorizacións de venda ambulante e recordos, ata o 12 de decembro de 2021, coa obriga por parte dos autorizados de manter o cumprimento dos requisitos establecidos nas bases para o exercicio da actividade. E a da xustificación das bases da convocatoria de axudas para actividades de promoción e dinamización comercial, establecida no 29 de outubro, que se amplía o 19 de novembro.

Convenios
A Xunta de Goberno local, tamén deu luz verde a tres convenios do departamento de Promoción Económica. O primeiro, entre o Concello de Santaigo, e a Asociación Área Empresarial do Tambre, por 50.000 euros. Este convenio ten por obxecto fomentar e impulsar as accións encamiñadas ao desenvolvemento dun Polo de Biotecnoloxía e outros obxectivos no marco do Convenio da Sionlla, así como a colaboración no servizo de vixilancia da área empresarial realizado por esta Asociación de acordo cos obxectivos plantexados no marco do programa Compostela Móvese 2021 aprobado en Xunta de Goberno de 14 de xuño de 2021.

O segundo, o convenio entre o Concello e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, por un importe de 75.000 euros, que ten como obxecto subvencionar parte dos gastos necesarios para que o organismo cameral continúe a prestar durante o ano 2021 os servizos de acordo cos obxectivos plantexados no marco do programa Compostela Móvese 2021.

O terceiro é o convenio entre o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela , por un importe de 40.000 euros, que ten como obxecto subvencionar a realización das accións "III Feira de Emprendedoras" e "Xestión do Comité Socioeconómico" de acordo cos obxectivos plantexados no marco do programa Compostela Móvese 2021.

A maiores aprobáronse as concesións de subvención a festas patronais, das que se van beneficiar cinco asociacións. Percibirán, en total, 5.270 euros.

Xunta de Goberno extraordinaria
Sobre as dúas da tarde celebrouse outra Xunta de Goberno, desta volta extraordinaria, na que se acordou adxudicar o contrato de "Subministración de 600 composteiros individuais de exterior, aireadores, termómetros para compostaxe doméstica; e subministración, transporte, descarga e montaxe de unidades modulares de compostaxe no Concello de Santiago", a favor da empresa BERCA BRAND SL., por un importe de 40.585,09 euros, IVE engadido.

Tamén se adxudicou o contrato "Subministración de dous puntos limpos móbiles no Concello de Santiago de Compostela" a favor da empresa BAYGAR SL, por unha contía de 60.500 euros, IVE engadido.

O financiamento destas dúas actuacións forma parte das axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. 
Comentarios