Propoñen unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago

Propoñen unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago
Propoñen unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago

Goretti Sanmartín reclama revisar e completar a sinalización toponímica, moi deficiente tanto no ámbito urbano como no rural

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, defenderá unha proposición para o seu debate en Pleno para a unificación oficial da delimitación xeográfica e a sinalización toponímica de Santiago de Compostela, tanto das entidades de poboación, divisións e agrupamentos como dos lindes cos concellos próximos.

Santiago de Compostela non dispón dunha delimitación xeográfica oficial única aprobada e publicada cos topónimos oficiais correspondentes de cada lugar e parroquia. Así, non existe unha cartografía actualizada e oficialmente aprobada que delimite as divisións xeográfico-administrativas sobre a identificación correspondente das distintas unidades de poboación, segundo consta en diversos informes municipais.

Deste xeito, o BNG quere que se unifiquen os criterios denominacións que se usan para definir o concepto de entidade de poboación, entidade singular, entidade colectiva, núcleo urbano, núcleo diseminado, lugar, barrio e parroquia.

De feito, na actualidade existen listaxes diferentes segundo se realice a consulta. Por poñer exemplos, a parroquia de Sar non aparece no nomenclátor municipal mais si no da Xunta e as parroquias de Santa Susana e de San Pedro non se recollen en ningún dos dous directorios. Xunto a isto, o ámbito territorial dos planos da parroquia de Vidán que manexan o Concello e a Xunta difiren nesa delimitación oficial. Outro exemplo é o de Angrois, que sae como lugar no nomenclátor da Xunta, con tres referencias (rúa, travesa e Camiño Real) no Padrón municipal e sen correspondencia con ningunha das unidades poboacionais do INE.

Con esta iniciativa quérese tamén que o Concello de Santiago realice os traballos necesarios para a delimitación xeográfica precisa e graficamente documentada de todas as entidades de poboación, as súas divisións e agrupamentos, ademais de unificar oficialmente os lindes cos concellos veciños e os barrios no ámbito urbano.

Ademais, o BNG propón que o Concello de Santiago revise e complete a sinalización toponímica dos lugares do ámbito municipal, moi deficiente tanto no ámbito urbano como no rural.

Comentarios
Lo más