Compostela Cultura presenta as bases para participar na selección de intervencións artísticas para a Zona C 2021-22

Compostela Cultura presenta as bases para participar na selección de intervencións artísticas para a Zona C 2021-22
Compostela Cultura presenta as bases para participar na selección de intervencións artísticas para a Zona C 2021-22

O prazo de presentación está aberto ata o 16 de novembro e poden presentarse, individual ou colectivamente, artistas nados ou residentes en Galicia con menos de 35 anos. Ás modalidades xa existentes de creación artística e comisariado, súmase agora a de creación literaria

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron esta mañá as Bases de participación na selección de proxectos de intervencións artísticas para a Zona C 2021-2022. Haberá tres modalidades: proxectos de creación artística, comisariado e, como novidade nesta edición, proxectos de creación literaria. O prazo está aberto ata o 16 de novembro e poden presentarse proxectos individuais ou colectivos de artistas nados ou residentes en Galicia que teñan unha idade inferior aos 35 anos no momento de presentar a solicitude.


No pasado mes de maio abriuse a nova Zona C como punto de información cultural, venda de entradas e espazo cultural na antiga Casa do Concello da Praza de Cervantes, logo de que se pechase anterior, situada en Bonaval do 2007 ao 2019, por mor da ampliación do Museo do Pobo Galego. Coa recuperación do espazo, a concellaría de Acción Cultural recupera agora tamén a opción de posibilitar a artistas, comisarios e comisarias un lugar onde levar a cabo o proceso creativo sumando, nesta nova etapa, a escritores e escritoras emerxentes.

En palabras da concelleira, Mercedes Rosón, "A Zona C de Bonaval foi espazo activo de proxectos efémeros e intercambio de ideas onde un numeroso grupo de creadoras e creadores tiveron a oportunidade de intervir con autonomía". Por iso, destacou a concelleira, "era tan importante para nós buscar un novo lugar no que continuar con este proxecto e poder estar hoxe aquí presentando estas bases". Os obxectivos, segundo Rosón, seguen sendo "o apoio directo a creación de vangarda, e o fomento da profesionalización, o debate e a reflexión crítica".

Haberá tres modalidades:

MODALIDADE 1. PROXECTOS DE CREACIÓN ARTÍSTICA. Cunha dotación económica de 5.000 euros impostos incluídos.

MODALIDADE 2. PROXECTOS DE COMISARIADO. Cunha dotación económica de 7.000 euros impostos incluídos. Os proxectos serán evaluados por unha comisión de selección e poderán verse no primeiro e segundo andar da Zona C.

MODALIDADE 3. PROXECTOS DE CREACIÓN LITERARIA. Cunha dotación económica de 5.000 euros impostos incluídos. Os proxectos serán evaluados por unha comisión de selección cun periodo de residencia, no terceiro andar da Zona C, de maio a xuño de 2022.
Pódense consultar as bases completas na páxina web de compostelacultura.gal e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Auditorio de Galicia. 
Comentarios
Lo más