O Auditorio de Galicia acolle o primeiro concerto dun Ciclo Lied que centrará a súa 22ª edición na mélodie francesa, en Mahler e no bicentenario de Pauline Viardot

O Auditorio de Galicia acolle o primeiro concerto dun Ciclo Lied que centrará a súa 22ª edición na mélodie francesa, en Mahler e no bicentenario de Pauline Viardot
O Auditorio de Galicia acolle o primeiro concerto dun Ciclo Lied que centrará a súa 22ª edición na mélodie francesa, en Mahler e no bicentenario de Pauline Viardot

O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago de Compostela coa coordinación artística da asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e coa colaboración da Deputación da Coruña, dará comezo este xoves cun primeiro concerto no Auditorio de Galicia á súa 22ª edición, que este ano muda de formato. Deste xeito, o ciclo celebrará tres recitais nos meses de outubro, decembro e febreiro integrados na temporada 2021-2022 da Real Filharmonía de Galicia-Auditorio de Galicia, que está a celebrar este ano o seu 25ª aniversario. Así o explicaron en rolda de prensa esta mañá a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; o deputado de Patrimonio Provincial e Equipamento, Xosé Lois Penas Corral; o presidente de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro, e o tesoureiro desta mesma entidade, Antonio Couso Gómez.

Durante a presentación, destacouse a recuperación do cariz internacional do Ciclo de Lied tras a edición do ano pasado na que por mor da situación epidemiolóxica os concertos correron a cargo de artistas estatais. Desta volta, as voces e pianistas procederán de Alemaña, Francia, España ou Polonia.


O primeiro recital do Ciclo celebrarase mañá, xoves 28 de outubro, ás 20.30 h. e correrá a cargo da soprano Catherine Trottmann e o pianista Maciej Pikulski. O concerto centrarase na mélodie francesa, interpretaranse composicións de Ravel, Delibes, Debussy ou Poulenc e titularase Os camiños do amor, lema que entronca coa liña de programación que a Real Filharmonía está a desenvolver esta tempada, chamada Viaxes. O seu bono de temporada inclúe este primeiro concerto do Ciclo Lied, mais pódense mercar entradas tamén a través www.compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C ou no propio Auditorio o propio día do espectáculo.

Pauline Viardot e Mahler
A seguinte cita do Ciclo de Lied terá lugar tamén no Auditorio de Galicia o vindeiro 3 de decembro e a súa gran protagonista será Pauline Viardot, mezzosoprano e compositora gala de orixe española que se homenaxea co galo do segundo centenario do seu nacemento. O concerto correrá a cargo da soprano Ana Nebot, a mezzosoprano Marina Rodríguez-Cusí e o pianista Arkaitz Mendoza.

O ciclo despedirase o 25 de febreiro cun recital centrado en Gustav Mahler, compositor e director de orquestra austro-bohemio, un dos grandes nomes do lied cuxas obras se consideran, xunto coas de Richard Strauss, das máis importantes do posromanticismo e do xénero do lied. O concerto correrá a cargo de dous artistas xermanos: a soprano Christiane Karg e o pianista Gerold Huber. 

Comentarios
Lo más