Demandan unha reurbanización e reordenación do tráfico na contorna do CEIP Apóstolo Santiago, na Almáciga

Demandan unha reurbanización e reordenación do tráfico na contorna do CEIP Apóstolo Santiago, na Almáciga
Demandan unha reurbanización e reordenación do tráfico na contorna do CEIP Apóstolo Santiago, na Almáciga

Goretti Sanmartín e Navia Rivas mantiveron un encontro con representantes da ANPA que reclaman a posta en marcha do Colecamiños e dun plan de mobilidade

O grupo municipal do BNG mantivo un encontro con representantes da comunidade educativa do CEIP Apóstolo Santiago, que reclama unha reurbanización e reordenación do tráfico da contorna deste centro situado na Almáciga para compatibilizar os diferentes usos que ten, con prioridade peonil e de humanización, ademais de facer realidade o Colecamiños e de poñer en marcha un plan de mobilidade.

Na actualidade hai unha explanada en que se mesturan o tránsito peonil, familias e crianzas coa circulación da veciñanza e o aparcamento de vehículos nos horarios de entrada e saída deste centro de ensino. Este espazo utilízase como zona de estacionamento da veciñanza e do persoal do centro, ao que se suman aglomeracións de vehículos en momentos puntuais de entrada e saída.

Así, o BNG reclamará no Pleno de novembro que se realice “un plan de mobilidade para este espazo ou executar o xa existente, se o houber”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal.

“A ANPA propón a delimitación dunha zona de seguranza libre de vehículos que permita a entrada e saída do centro para as crianzas dun xeito autónomo e seguro, con visibilidade mediante pintura diferenciada e cun deseño gráfico que advirta da presenza de nenos e nenas”, sinalou a portavoz municipal, “e unha zona con redución de velocidade para acceder ás proximidades, xunto con rutas sinalizadas e protexidas para ir a pé”. “Nesta liña, o Colecamiños ten que ser unha realidade e non propaganda para utilizar determinados días ao ano”, engadiu.

Reclaman tamén zonas de aparcadoiro de bicicletas co obxectivo de favorecer os accesos neste medio de transporte, tanto á escola como ao pavillón municipal.

Comentarios
Lo más