A Baña volverá celebrar o mercadiño de Nadal o domingo 12 de decembro

A Baña volverá celebrar o mercadiño de Nadal o domingo 12 de decembro
A Baña volverá celebrar o mercadiño de Nadal o domingo 12 de decembro



Celebrarase no pavillón municipal dende o medidía ata as oito da tarde




Libros, roupa ou artesanía serán algúns dos artigos que se poderán adquirir no mercadiño de Nadal da Baña que, tralo paréntese obrigado do pasado ano por causa da covid, chegará o domingo 12 de decembro á súa sexta edición. O pavillón municipal acollerá tamén obradoiros e espectáculos, haberá comida e, como non podía ser doutro xeito, contará coa visita de Papá Noel. O público poderá facer as súas compras entre as doce da mañá a as oito da tarde e terá á súa disposición un autobús que fará o mesmo percorrido polas parroquias bañenses que os primeiros luns de mes para asistir ás feiras mensuais.

A só 24 horas de abrirse a inscrición, xa confirmaron a súa participación no mercadiño de Nadal da Baña máis de trinta postos. Neles, atoparemos este ano libros ou roupa de segunda man, ademais de numerosas propostas de artesanía para que poidamos adquirir agasallos orixinais e respectuosos co medio. Tamén haberá oferta gastronómica, á que se sumarán unha pulpería e unha churrería.

Ademais, os visitantes poderán participar en distintos obradoiros. Impartiranse tres, un de artesanía en palla, outro de papel e un máis de instrumentos tradicionais. Aquelas persoas que queiran participar poderán apuntarse o propio día do mercadiño no pavillón ou reservar praza chamando ao Concello da Baña ou ao móbil 682 85 93 67.

A programación lúdica complétase cun espectáculo de maxia a cargo de Dani Polo, programado para o mediodía, e da obra de teatro infantil ‘Debulendo lendas.. galegas’ da compañía Tarabelos, que dará comezo ás 16: 30 horas. Actuacións de pandereteiras e da agrupación local de música tradicional Os Campantes da Baña contribuirán á animación ao longo da tarde.

Por último, cativas e cativos poderán coñecer ao mesmo Papá Noel e facerlle as súas peticións para esta Noiteboa a partir das 18.30 horas.



Comentarios
Lo más