Senén Barro recolleu o Premio Nacional de Informática

Senén Barro recolleu o Premio Nacional de Informática
Senén Barro recolleu o Premio Nacional de Informática

O catedrático da USC recibiu en Madrid o galardón que recoñece a súa traxectoria investigadora na gala de entrega dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España–Fundación BBVA 2020-2021

“É unha honra inmensa. O meu agradecemento ao xurado, á SCIE e á Fundación BBVA non só polo galardón, senón tamén porque a través dos premios nacionais prestixian a investigación española en informática”, así se pronunciou Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), ao recoller este xoves na sede da Fundación BBVA en Madrid un dos Premios Nacionais de Informática, concedidos pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) dende 2005, e entregados de maneira conxunta coa Fundación BBVA dende 2018. Un recoñecemento de máximo prestixio, que as dúas organizacións conceden a investigadores, entidades públicas e privadas “que dedicaron o seu labor ao estudo, fortalecemento e divulgación da informática”.

Na súa alocución, Senén Barro tivo palabras de agradecemento á institución, así como a todas as persoas que o acompañaron durante a súa carreira. “Son moitas, ao longo dunha vida dedicada á universidade, e en particular aquelas que o fixeron como parte do Grupo de Sistemas Intelixentes (GSI), que creei hai máis de tres décadas, e do que sinto un enorme orgullo; o grupo, os investigadores que o forman, son sen dúbida o meu mellor proxecto científico: un proxecto creado en e  grazas á miña alma mater, a USC, que me deu todo o que son profesionalmente”.

O director do CiTIUS insistiu na necesidade de reforzar a investigación nesta área de coñecemento ante a oportunidade que se presenta no actual contexto histórico, coa crecente expansión da Intelixencia Artificial. “No ámbito da Intelixencia Artificial (IA), ou facemos unha investigación de calidade, pertinente e relevante, ou seremos insignificantes na tecnoloxía máis transformadora, social e economicamente, xamais desenvolvida”, reflexionaba Barro.

“Un investigador de tipo explorador”

Para o investigador premiado, unha máquina intelixente debe saber resolver problemas complexos cun alto grao de autonomía e capacidade de aprendizaxe. “Dende sempre apaixonoume o reto de facer máquinas intelixentes; considérome un investigador de tipo explorador: ter intereses amplos fíxome explorar distintos campos da intelixencia artificial”, comenta.

Senén Barro comezou a súa carreira académica coa defensa dunha tese de doutoramento (1988), na que creou o primeiro sistema de monitorización de pacientes en UCI que empregaba intelixencia artificial. Tamén se esforzou por lograr que as máquinas entendan as imprecisións da comunicación humana, algo esencial en moitos ámbitos.

Para ilustrar esta necesidade, o ex-reitor da USC (2002-2010) citou un exemplo do sector sanitario. “É moi común que un paciente diga ‘Nas últimas semanas tiven dores frecuentes’ ou ‘Pouco despois da proba notei estes síntomas’. Son expresións imprecisas que as persoas incorporamos sen problema á toma de decisións… ás máquinas, en cambio, resúltalles máis difícil; hai que buscar estratexias para trasladar a imprecisión ao ámbito computacional”, explica.

No que respecta ao futuro máis próximo, o catedrático da USC conclúe que “a IA é a tecnoloxía máis transformadora que se ten desenvolvido ata hoxe, e só se apostamos por unha IA fiable e polo ben común, amplificaremos os seus beneficios e atenuaremos os seus posibles prexuízos”. Unha máxima que, en palabras de Senén Barro, “guiou sempre o labor do Grupo de Sistemas Intelixentes, a miña en particular, e da que agora fai gala tamén o CiTIUS”.

Comentarios
Lo más