Denuncian o mal estado do pavillón de Vite

Denuncian o mal estado do pavillón de Vite
Denuncian o mal estado do pavillón de Vite


Borja Verea destacou que “o pavillón de Vite está sendo utilizado polos equipos de hockey da cidade, pero está nun estado inxustificable.

Borja Verea, presidente dos populares composteláns e deputado autonómico, visitou o Hockey Club Raxoi acompañado do seu presidente, Arturo Pereiro, nas instalacións do pavillón de Vite. O Hockey Club Raxoi é o equipo máis antigo da cidade e conta hoxe con máis de 100 fichas de xogadores e xogadoras de todas as categorías.


Na visita, puido constatarse a urxencia dunha intervención que solvente as graves deficiencias do pavillón de Vite, nun estado lamentable desde hai varios anos. Así entre outros defectos, os día de choiva caen pingueiras que, xunto coa humidade, inutilizan a pista e provocan desprendementos no revestimento das paredes, o illamento do teito estase a desprender e a caldeira da auga con frecuencia non funciona. Outras actuacións necesarias teñen que ver co acondicionamento dos vestiarios que ademais son insuficientes para un deporte que é mixto, como o hockey a patíns, é máis cando os mozos e mozas acadan idades avanzadas.


Na mesma liña, Borja Verea destacou que “o pavillón de Vite está sendo utilizado polos 3 clubes de hockey da cidade pero está nun estado inxustificable, ademais de que xa se queda pequeno para as horas de adestramento e partidos”, concluíndo que “o concello non está respondendo ás necesidades dos equipos da cidade, nin as instalacións que ofrecen son suficientes, nin teñen un mantemento mínimo”.


O deputado compostelán aclarou que “podemos entender que construír novas instalacións non é sinxelo, pero o que non ten explicación é a desorganización cos horarios e xestión dos pavillóns e campos xa existentes, moi desaproveitados”, apuntando que “todos os clubes quéixanse do mesmo: poucos espazos, mal coidados e peor organizados”, concluíndo que “o deporte base da cidade ten que ser unha prioridade do concello, xa que nel participan moitas familias e rapaces e é a mellor alternativa que se pode ofrecer desde as institucións á nosa xuventude”.


Comentarios
Lo más