O Pleno Infantil de Boqueixón fai propostas para loitar contra o cambio climático e coidar o medio ambiente

O Pleno Infantil de Boqueixón fai propostas para loitar contra o cambio climático e coidar o medio ambiente
O Pleno Infantil de Boqueixón fai propostas para loitar contra o cambio climático e coidar o medio ambiente

A rapazada de 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto trasladoulle as súas iniciativas ao alcalde e á concelleira de Ensino

O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu a sexta edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 28 nenos e nenas de 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e á concelleira de Ensino, Marta Copóns Neira, as súas reflexións e propostas contra o cambio climático e coidar o medio ambiente.


Fernández Munín deu a benvida á rapazada pedíndolles que sexan exemplo “do respecto ás 3 R: reciclar, reutilizar e reducir, sabendo que reciclar non é so separar o lixo, senón tamén consumir menos e concienciar ás persoas adultas para que coñezan que so entre todos poderemos loitar contra o cambio climático e coidar do noso medio ambiente”. Neste sentido, agradeceu “que compartades connosco as vosas ideas e propostas para facer de Boqueixón un concello aínda máis sensibilizado co respecto ao medio natural”.


Propostas


Os primeiros en tomar a palabra foron os 11 “concelleiros/as” sentados na mesa de plenos, que propuxeron cadansúa proposta sobre distintas temáticas, que foron respondidas unha a unha polo alcalde boqueixanés. As propostas foron do máis variado. Algunhas delas moi sorprendentes como as de Noa, quen propuxo reducir o gasto en luces de Nadal; ou Simón, quen propuxo entregar á veciñanza botellas para recoller a auga que substitúan ás de plástico. O alcalde boqueixanés tomou nota da interesante proposta de Simón, ao tempo que lle explicou a Noa que o Concello tamén ten que apoiar ao comercio local con ese alumeado de Nadal, pero que xa está reducindo o consumo de enerxía implantando tecnoloxía LED.


O resto das propostas incluían o aumento de papeleiras para os peregrinos que fan as distintas rutas xacobeas que pasan por Boqueixón, aumentar las charlas sobre reutilización de materiais, instalar grifos automáticos en todos os edificios públicos, empregar bombillas LED ou aumentar as áreas naturais e de xogo para a cativada. Unha vez rematadas as propostas, o resto da rapazada animouse a plantexar as súas propias reclamacións. Algunhas delas relacionadas co medio ambiente (a problemática dos vertidos incontrolados ou a necesidade de aumentar os contedores para a recollida de vidro no rural) e outras temáticas (pasos de peóns e semáforos).


Ao rematar, a concelleira de Ensino entregoulles a cada alumno/a unhas pulseiras, chapas e material contra a violencia de xénero, ao tempo que insistiu “na necesidade de que fagades chegar ás vosas familias a importancia de coidar o medio ambiente e reciclar”. Este Pleno Infantil levouse a cabo dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia.


Comentarios
Lo más