Piden que se limite a circulación motorizada na explanada do novo campo multiusos do Castiñeiriño

Piden que se limite a circulación motorizada na explanada do novo campo multiusos do Castiñeiriño
Piden que se limite a circulación motorizada na explanada do novo campo multiusos do Castiñeiriño

O Grupo Popular solicítalle o Goberno local que estude a posibilidade de sinalizar este espazo para, sen obstaculizar a súa finalidade polivalente, limitar a zona de circulación e de aparcamento habitual dos vehículos nas proximidades da igrexa e do antigo colexio

O Grupo Municipal Popular, a través da vicevoceira María Castelao, solicitaralle ao Goberno local, no Pleno ordinario deste mes, que estude a posibilidade de sinalizar o novo campo da festa do Castiñeiriño, a través de sinais verticais e marcas horizontais para que, sen obstaculizar a finalidade polivalente coa que foi concibido este espazo, axuden a limitar a zona de circulación e de aparcamento que de forma habitual están a utilizar os vehículos nas proximidades da igrexa e do antigo colexio, reservando o resto da superficie libre de circulación motorizada para maior seguridade das crianzas e demais persoas usuarias.


A popular lembra que, recentemente, rematáronse os traballos para a execución das obras de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño para usos polivalentes, unha actuación demandada pola asociación de veciños que se asentou sobre dúas parcelas dotacionais, cunha superficie de algo máis de 5.000 m2, situada nas inmediacións da igrexa parroquial e do antigo CEIP Ramón Cabanillas.


Desde o remate das obras, unha parte da explanada -a máis próxima á igrexa e ao antigo colexio- está a ser empregada como aparcamento de vehículos de persoas que acoden ás diferentes actividades culturais ou relixiosas que se desenvolven nas proximidades.


“Entendemos que a posibilidade de entrada de vehículos na explanada debería ser ordenada e regulada, para evitar que o actual tránsito de vehículos se poida estender á totalidade da praza, sobre todo, á parte da explanada onde se sitúan as gradas e onde xa é frecuente a presenza de nenos e nenas que empregan esa superficie para xogar”, remarcou María Castelao.   

Comentarios
Lo más