O violoncellista ruso Nikolay Gimaletdinov vai formar a músicos galegos

O violoncellista ruso Nikolay Gimaletdinov vai  formar a músicos galegos
O violoncellista ruso Nikolay Gimaletdinov vai formar a músicos galegos

A EAEM ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido violoncellista ruso Nikolay Gimaletdinov. Ademais dos alumnos da Escola, tamén poden asistir músicos externos ao centro. 

As clases celebraranse o 25 de novembro, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; e o día 26, de 10:00 a 13:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Violoncello principal da Orquestra Sinfónica Casa da Música do Porto


Nikolay Gimaletdinov naceu nunha familia de músicos e aos cinco anos comezou a tocar o violoncello orientado polo seu pai, Riza Gimaletdinov, violoncellista na Orquestra do Teatro Mariinski de San Petersburgo. Despois de licenciarse no Conservatorio de San Petersburgo, formouse na Universidade de Música de Viena.

Tocou nas grandes salas de concerto de todo o mundo como o Musikverein de Viena, Konzerthaus e Philharmonie de Berlín, Royal Albert Hall e Barbican Hall, NHK e Suntory Hall, Carnegie Hall, Walt Dysney Hall ou o Great Hall do Conservatorio de Moscú, entre outras. E tocou como solista con prestixiosas orquestras como a Nacional de Rusia, Virtuosos de Moscú, Sinfónica de Ucraína…

Foi violoncellista da Sinfónica de Viena e da Filharmónica de San Petersburgo, e principal violoncello convidado da Sinfónica do Teatro Mariinski. Desde 2017 é violoncello principal da Orquestra Sinfónica Casa da Músicado Porto. Toca un violoncello dun lutier anónimo de finais do século XVIII.

Comentarios
Lo más