A Moeda anual de 30 euros dedícase ao Ano Santo Xacobeo 2021-2022

A Moeda anual de 30 euros dedícase ao Ano Santo Xacobeo 2021-2022
A Moeda anual de 30 euros dedícase ao Ano Santo Xacobeo 2021-2022

O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu o acto de presentación da moeda acuñada pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre.

A Real Casa da Moeda vén emitindo desde 1994 unha Moeda de Prata de 30€ que se dedica a conmemorar o acontecemento ou efeméride máis relevante do ano. Esta moeda de 30€ é a máis emblemática das que se acuñan anualmente, e ten a particularidade de que se distribúe ao seu valor facial a través das entidades financeiras. É dicir, o público pode adquirila sen sobrecusto polo seu valor de emisión de 30€.


A presentación desta moeda desenvolveuse esta mañá no Concello de Santiago a cargo de José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Isabel Valldecabres, directora xeral da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; e Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da cidade.

O acto de presentación iniciouse cunha intervención en vídeo da vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Trasformación Dixital, Nadia Calviño, que destacou os valores compartidos entre a moeda e o camiño, esperando que a moeda sexa o "símbolo desa senda de progreso que habemos de percorrer xuntos".

Os artistas e profesionais da FNMT- RCM quixeron reflectir nesta moeda a importancia do camiño, como punto de encontro, reflexión, cambio e superación. Esta moeda forma parte das achegas do Estado á celebración do Xacobeo 20-21, e forma parte das actividades programadas polo Consello Xacobeo.

Para a distribución desta moeda cóntase desde 1994 coa colaboración altruísta das oficinas da gran maioría das entidades financeiras española, que son imprescindibles para facilitar a posta ao dispor da moeda de 30€ ao público, e en definitiva para a viabilidade do proxecto.

Características das pezas
Moeda de 30 euro de valor facial.
Composición: Prata de 925 milésimas, sendo o resto de cobre.
Tolerancia en lei: Contido mínimo de 925 milésimas de prata.
Peso: 18 g cunha tolerancia en máis ou en menos de 0,18 g.
Diámetro: 33 mm.
Forma: Circular con canto liso.
O número máximo de pezas a acuñar: 1.000.000

No anverso reprodúcense as efixies superpostas das súas Maxestades os Reis Don Felipe VI e Dona Letizia. Na parte superior da moeda, en sentido circular e en maiúsculas, a lenda FELIPE VI E LETIZIA. Na parte inferior da moeda, en maiúsculas, a lenda ESPAÑA e o ano de cuñaxe, 2021, separados por unha flor de lis. Rodea os motivos e lendas unha gráfila de perlas.

No reverso, ocupando a parte central da moeda, aparece unha imaxe alegórica ao "camiño" con peregrina e a Catedral de Santiago de Compostela. Sobre esta imaxe, en sentido horizontal e en maiúsculas, o valor da peza 30 EURO, e a marca de Ceca. Á esquerda, en sentido circular ascendente, a lenda XACOBEO 2122, acompañada dunha representación do bastón de peregrino.

Abaixo á esquerda, e dentro dun círculo, aparecen en forma de imaxe latente cuádrupla unha cuncha de vieira, 2122, a marca de Ceca e unha frecha. Rodea os motivos e lendas unha gráfila de perlas. 
Comentarios
Lo más