O Concello e Compostela Inserta poñen en marcha a campaña de concienciación ambiental "E ti, onde o botas?"

O Concello e Compostela Inserta poñen en marcha a campaña de concienciación ambiental "E ti, onde o botas?"
O Concello e Compostela Inserta poñen en marcha a campaña de concienciación ambiental "E ti, onde o botas?"

O Concello de Santiago de Compostela, en colaboración con Urbaser e a través da empresa de inserción laboral Compostela Inserta EIL, pon en marcha a campaña de sensibilización cidadá "E TI, ONDE O BOTAS?" co obxectivo de darlle unha maior visibilización aos diferentes lugares habilitados para desbotar os residuos xerados nos fogares da cidadanía compostelá mediante accións informativas e formativas. Presentárona en rolda esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; o coordinador de Compostela Inserta, Miguel Fernández; e a directora de área de Servizos Básicos do Concello, Rocío Montañés.

A campaña "E ti, onde o botas?" ten por obxectivo, como indicou Mila Castro "divulgar entre a cidadanía os lugares nos que poder desfacerse correctamente dos residuos que a diario se xeran nos fogares" e desenvolverase a través de tres accións concretas:


1. Acción de concienciación a través das asociacións veciñais: realización de xuntanzas e charlas formativas gratuítas de reciclaxe coas asociacións veciñais interesadas, que poden solicitalas poñéndose en contacto con Compostela Inserta no e-mail compostelainserta@gmail.com ou nos teléfonos 981 58 05 06//695 66 86 23 .

2. Acción de concienciación a pé de rúa: realizaranse dúas campañas informativas previstas para os días 9 (a carón da Igrexa de San Lázaro) e 10 (en Galeras) de decembro, onde se repartirán funís para a reciclaxe do aceite vexetal usado, así coma dípticos e material informativo dos novos puntos de reciclaxe e depósito dos residuos.

3. Acción de reparto de carteis e material informativo dos lugares de depósito dos residuos nos centros socioculturais: procederase á entrega do material informativo coa finalidade de publicitar e visibilizar os diversos lugares de depósito na cidade santiaguesa.

Novos minipuntos limpos
Con esta campaña tamén se quere dar a coñecer o o funcionamento dos dous novos mini puntos limpos habilitados polo Concello no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro (Porta 1) e no Complexo Deportivo Santa Isabel (entrada do polideportivo) nos cales os cidadáns, dun modo sinxelo, poderán comezar a realizar unha correcta separación e reciclaxe dos seguintes residuos: aceite vexetal usado, luminarias, pilas, pequenos electrodomésticos (RAE), teléfonos móbiles e tapóns de botellas de plástico.

Ademais destas dúas novas ubicacións, o Concello conta con dous puntos limpos fixos (o Tambre e en Piñor) e cun móbil, que está os primeiros sábados de mes en Fontiñas (rúa París); os segundos, na praza Roxa; os terceiros, na rúa Virxe da Cerca; e cuartos, no rural. O concelleira fixo fincapé na existencia dun servizo de recollida de voluminosos co que se pode contactar no teléfono 981565469 (10:00-13:00).

Compostela Inserta
Coma noutras ocasións, o Concello de Santiago volve a contar para a realización das campañas de sensibilización cidadá coa empresa de carácter social Compostela Inserta EIL, empresa sen ánimo de lucro, ubicada na mesma cidade compostelá e que loita contra as situacións de risco ou exclusión social combinando a integración e a formación socio-laboral das persoas traballadoras. 
Comentarios
Lo más