O Pleno aproba por unanimidade colocar paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais

O Pleno aproba por unanimidade colocar paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais
O Pleno aproba por unanimidade colocar paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais

A moción para demandarlle á empresa concesionaria de residuos que dote dos recursos humanos e materiais este servizo que figuran no contrato aprobouse cos votos a favor de BNG, PP e CA e a abstención do PSOE

O BNG defendeu no Pleno unha iniciativa, aprobada por unanimidade de todos os grupos, para que o Concello de Santiago realice estudos para acollerse ás subvencións de colocación de paneis fotovoltaicos nas instalacións públicas municipais de cara a apostar polas enerxías renovábeis, a soberanía enerxética e o aforro na factura eléctrica. Ademais, propuxo que se organice unha xornada de divulgación do autoconsumo eléctrico para particulares e empresas impartida por profesionais especializados que informen a persoas interesadas en realizaren estas instalacións en edificios residenciais, naves industriais ou explotacións agrarias.

Santiago de Compostela pode estudar a disposición de paneis fotovoltaicos para o aproveitamento eléctrico mediante a enerxía solar nas propias instalacións municipais, colexios, centros deportivos, piscinas e centros socioculturais, entre outros. Con este sistema evítanse emisións de CO2 e de óxido de nitróxeno que contaminan a atmosfera, alén de poder aforrar na factura eléctrica municipal.

Celebración do bicentenario de Antolín Faraldo

Outra das proposicións do BNG, aprobada tamén por unanimidade, foi destinada a que o Concello de Santiago conmemore en 2022 o bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo, autor da proclama da Xunta provisional do Goberno de Galiza na Revolución Galega de 1846, que tivo como escenario a cidade de Compostela. Ademais, Faraldo colaborou en xornais de recoñecida sona na época como “El Recreo Compostelano” e “La Situación de Galicia”, e logo foi director de “El Porvenir” e “La Europa”.

Esta celebración do bicentenario servirá para facer unha campaña de difusión de homenaxe aos Mártires de Carral, en colaboración coas asociacións veciñais e culturais de Santiago, que se dirixa tamén á mocidade e aos centros de ensino durante todo o ano e, sobre todo, centrada no mes de setembro coincidindo co seu aniversario. Ademais, o BNG propuxo a instalación dunha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde eses acontecementos da Revolución de 1846, pois é de xustiza que en Santiago de Compostela se coñezan eses episodios históricos.

Memoria histórica

Ademais, o BNG realizou unha interpelación para poñer en funcionamento a Comisión especial de memoria histórica, cun cronograma para a eliminación de simboloxía franquista en Santiago de Compostela e para instalar placas no aeroporto e en Santa Isabel, en lembranza dos presos republicanos. O Goberno local comprometeuse a convocar a Comisión especial de memoria histórica antes de final de ano.

A creación desta Comisión especial da memoria histórica aprobouse en setembro de 2019, a raíz dunha iniciativa do BNG, mais tardou máis de ano e medio en constituírse, e aínda non se incorporaron colectivos veciñais, culturais e de recuperación da memoria antifascista, profesorado de Historia da USC.

Tamén reclamou unha previsión para poñer unha placa nas instalacións municipais de Santa Isabel, como demanda a Plataforma de Galeras, para lembrar as persoas que estiveron na cadea durante o franquismo e polas xestións realizadas polo Goberno local con AENA para a instalación dunha placa no aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro e unha mención na súa web para lembrar o campo de concentración franquista da Lavacolla.

Ademais, é preciso realizar, cos departamentos e asociacións correspondentes, un inventario actualizado de simboloxía franquista e nomes do rueiro que permanecen na cidade de Santiago de Compostela para trasladar á vindeira reunión da Comisión especial da memoria histórica co obxectivo de proceder á súa retirada. Un traballo que está por facer pese estar aprobado en sesión plenaria.

Melloras no servizo de recollida de residuos

Outra moción aprobada na quenda de mañá no Pleno ordinario de novembro foi para demandaralle á empresa concesionaria do servizo de recollida de residuos domésticos e limpeza viaria que garanta a utilización dos recursos humanos e materiais que figuran no contrato para a prestación deste servizo co fin de incrementar de maneira inmediata a súa calidade, as medidas de seguranza laboral e a limpeza no ámbito rural e urbano da cidade de Santiago de Compostela. Aprobouse cos votos a favor de BNG, PP e CA e a abstención do PSOE.

Comentarios
Lo más